Mostrando entradas con la etiqueta Carles Andreu. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Carles Andreu. Mostrar todas las entradas

lunes, 30 de abril de 2018

Hadabruja

Minne, Brigitte, Hadabruja, ilust. Carll Cneut. trad. Carles Andreu, Anna Bellostac e Albert Vitó, Cádiz: Bárbara Fiore, 2006, [32 pp.], (ISBN: 84-933980-9-8).

Breve descrición do formato e contido. Hadabruja é un álbum ilustrado de tapa branda no que na súa cuberta destaca o debuxo de dúas mulleres. Unha delas é máis grande cá outra, pero ambas van vestidas con cores cálidas -vermello e rosa, en referencia ao feminino- e un sombreiro tan alto que semella non ter fin. A pesares deste vínculo inicial entre elas, a súa posición de costas a unha da outra fainos pensar que están enfadadas, o que nos levaría a establecer unha metáfora dos seus sentimentos. No lado dereito da imaxe aparece o título do libro en letras grandes, dunha cor azul máis potente para que destaque sobre o fondo e, o máis interesante: a palabra comeza con maiúscula e continúa con minúsculas e todo isto cunha tipografía en cursiva, de aires caligráficos. Na parte contraria aparecen os restantes elementos paratextuais como son os nomes da autora e mais do ilustrador. A contracuberta supón unha ruptura coa cuberta, posto que a técnica pictórica muda (agora semella estar ilustrado con ceras) e as imaxes protagonistas son as dun castelo, tamén nunha nube, e xunto con estes elementos aparece a sinopse da historia. Ao abrir o libro o lector atópase directamente coa portada, na que podemos observar un recorte duns dos debuxos que descubriremos máis adiante, o que consideramos unha interesante motivación á lectura. Esta páxina esta completada polo título do libro, que reflicte as mesmas características comentadas na cuberta. No interior as páxinas dedicadas ao texto teñen un fondo de cor sólida e variable posto que ás veces é verde, outras negra ou vermella. A cor das letras responde á dicotomía negro/branco e o obxectivo non é outro que a súa óptima lectura. As imaxes, caixa de resonancia do texto, están ilustradas con técnicas diversas con acrílico, pasteis, ceras… Resulta interesante o uso da cor, xa que por unha banda as fadas visten de vermello e rosa, o que xa aparecía na portada para facer referencia ao feminino, pero tamén de verde, unha cor fría e que entra en antítese coas restantes. Pola contra, nos debuxos das bruxas aprécianse especialmente cores frías e escuras como o negro, símbolo da maldade. En canto ao discurso textual, nesta obra relátase a través dun narrador heterodiexético a historia dunha fada, Rosamaría, que quere ser bruxa para así poder… facer cousas de bruxa como patinar ou ir en barca. Rosamaría decide ir ao bosque para aprender delas todo o que non lle estaba permitido facer vivindo nas nubes. A pregunta agora é: que fará a nai de Rosamaría? 

Potencialidades educativas. A través deste libro pódese traballar o respecto ao desexo de ser diferente dos demais, a tolerancia e a independencia, a idea de que as persoas non teñen que seguir uns patróns. Permite traballar a diversidade inherente á humanidade. Ademais a obra dá a entender ás crianzas que as persoas non teñen que seguir os estereotipos, os patróns prefixados, e isto resulta sumamente interesante para a cuestión de xénero.

Etiquetas. Estereotipos, xénero, fadas, bruxas, diversidade, aceptación.


Autoría. Rosalía (Mar Barros Couto, Sara Garrido Fernández, Sara González Guede e Haizea Lemos Alonso).