lunes, 9 de abril de 2018

Os monstros grandes non choran

Jónsdóttir, Áslaug, Rakel Helmsdal e Kalle Güettler, Os monstros grandes non choran, ilust. Áslaug Jónsdóttir, trad. Equipo Sushi, Cangas do Morrazo (Pontevedra): Rinoceronte Editora, col. “Suchi Books”, 2014, [32 pp.], (ISBN: 978-84-15920-28-1).
Breve descrición do formato e do contido. Álbum de tapas de cartoné e recubertas de tea nun formato interesante para as crianzas ao ser un rectángulo de 15x28,5 cm. Na cuberta pódense ver as primeiras imaxes cuxo estilo se manterá nas páxinas interiores. Así, as cores vivas, como o vermello ou o verde, son metáforas dos sentimentos dos dous monstros protagonistas e estes, ademais, están debuxados con trazos hiperbólicos. Chaman a atención as tipografías empregadas: por unha banda, unha sen serifas e, pola outra, unha grande e de marcado carácter xeométrico. 

A imaxe da cuberta continúa na contracuberta posto que nesta última remata o lago no que o monstro pequeno estaba a xogar. As salpicaduras serven de marco para os elementos paratextuais que aquí aparecen: un breve resumo da obra para atraer o público adulto e mais a información referente á editora.

O seguinte elemento de interese está na portada. Nesta, ademais do título, volven aparecer os monstros da cuberta, pero agora en sombras, o que nos leva a pensar que calquera persoa se pode ver reflectida na historia que estamos a piques de ler. As posicións dos protagonistas están modificadas con respecto á cuberta, de xeito que agora son un apoio o un para o outro en lugar de dous personaxes independentes.

Xa no interior do libro, todas las imaxes están compostas a dobre páxina e recórrese a cores frías e escuras, metáfora do propiamente masculino. Tan só nalgúns momentos, e sempre referíndose ao monstro pequeno, aparecen cores cálidas para demostrar os sentimentos opostos dos dous protagonistas. As técnicas mestúranse e atopamos debuxos pintados con ceras, pero nos que tamén hai colaxe.

Desde o punto de vista tipográfico, chama a atención o dinamismo do texto, posto que nunca se sabe onde pode aparecer o próximo parágrafo. Novamente podemos comprobar como se repiten as dúas tipografías da portadas de xeito que hai unha serie de verbas que destacan sobre outras, facilitando así a lectura e levándose a cabo unha reiteración sobre determinadas cuestións.

No que respecta ao discurso textual, o libro preséntanos un monstro grande que non quere estar preto dun monstro pequeno, porque parece ser que todo lle sae ben e iso fai sentir mal ao primeiro. O monstro grande quere chorar ante eses sentimentos pero… “os monstros grandes non choran”. Fai falla que se decate de que non todo é como el pensa para que comece a ver o mundo con outros ollos. A historia está enfiada por unha primeira persoa, o monstro grande, o que permite que o lector se identifique de xeito sinxelo co protagonista. Pouco a pouco vaise deixando paso á voz do outro monstro, o antagonista nun primeiro intre, ata que a obra chega a converterse nun diálogo entre ambos os dous.

Potencialidades da obra. Esta obra permite introducir a cuestión de xénero dende unha nova perspectiva, porque tratar sobre os roles e sentimentos propios dos homes nunha sociedade patriarcal e afonda na necesidade da súa ruptura. O conto permite afondar noutras cuestións igualmente relevantes na educación infantil como a autoestima, as emocións ou os valores, posto que neste caso se traballa a axuda aos demais. Igualmente, o feito de que os protagonistas sexan uns monstros con trazos tan propiamente humanos permite traballar os medos.

Etiquetas. Xénero, monstros, emocións, autoestima, estereotipos.


Autoría. Rosalía (Mar Barros Couto, Sara Garrido Fernández, Sara González Guede, Haizea Lemos Alonso).

No hay comentarios:

Publicar un comentario