Mejuto, Eva, María, ilust. Mafalda Milhões, trad. Eva López, Pontevedra: OQO Editora, 2014, [28 pp.], (ISBN: 978-84-9871-491-3).
Breve descrición do formato e do contido. Álbum ilustrado de tapa dura de 25x23 cm, no que a cuberta e a contracuberta son completamente antitéticas. Nelas, sen que o lector o saiba, recóllese o principio e a fin da historia. Se na cuberta se mostra unha muller de idade traballando esgotada na súa cociña (espazo privado); na segunda aparece esa mesma muller gozando dun pícnic cun home nun parque (espazo público). Que aconteceu?
Na cuberta atopamos o título en letras vermellas, maiúsculas, grandes e destacables. Claramente a muller que aparece responde a ese nome. As restantes compoñentes do paratexto están nunha letra menor e, a pesares de recorrer a cores frías e escuras -en contraposición co nome da protagonista-, a realidade é que a composición final é sumamente cálida. Na contraportada a técnica é completamente diferente e as liñas son agora sinuosas. Volve darse un paradoxo entre cores cálidas e frías (especialmente a través do vestido de María, negro nunha e vermello noutra, nunha metáfora dos seus sentimentos), pero novamente a delicadeza e a dozura son os elementos máis destacables. O estilo pictórico da contraportada manterase nas gardas, que son sumamente interesantes, non só polo humor recorrente, senón porque existe un paradoxo entre as de inicio e final, o que nos permite ver unha evolución na relación desta parella.
A portada convértese na primeira imaxe a dobre páxina e permite situar o lector no que está a piques de acontecer. É unha escena costumista na que, mentres a muller traballa, o home descansa. Este formato -imaxe a dobre páxina- será o que se manteña durante todo o álbum, desenvolvéndose unha antítese entre cada páxina: nunha a muller formúlalle un reto ao home -que vai “in crescendo”- e na seguinte vese a consecución deste por parte do home e que supuxo o descanso da muller.
As imaxes están elaboradas seguindo o modelo da portada e caracterízanse pola hipérbole nos personaxes, o que nos permite ver perfectamente as súas emocións ou intencións. Ademais, hai unha descontextualización constante que impide que o lector se poida situar: estamos nunha casa de campo e, pola contra, a muller ten un ordenador ou un reloxo dixital. Mestúrase o pasado co presente nunha metáfora que especifica que este “conto” non é só cousa do pasado.
A tipografía caracterízase por ser sumamente limpa, sen serifas, e namentres os diálogos aparecen en negra, os textos destinados ao narrador son nunha letra máis miúda. Por medio deste xogo gráfico ofrécese unha adaptación dunha canción tradicional polaca, que conta a historia de María e mais Benito, unha parella de anciáns na que os roles están claramente definidos. Pero un día María, cando Benito di querer pan, decide darlle unha lección. No plano discursivo a aliteración e a acumulación son claves e permítenlle ao lector avanzar cos personaxes, sentirse parte da historia e involucrarse nela. A rima tamén é unha constante tanto nos diálogos coma na voz do narrador que, desde unha terceira persoa, constrúe o marco desta historia que leva por título o nome feminino por antonomasia, María, polo que no seu relato poden verse reflectidas todas as mulleres.
Potencialidades educativas. Ademais da cuestión de xénero, a proposta de Eva Mejuto e Mafalda Milhões permite afondar noutros aspectos presentes no currículo de educación infantil como é a diversidade cultural e os contos tradicionais doutras zonas. Tamén ofrece a posibilidade de realizar as primeiras aproximacións aos pesos e medidas a través de receitas. Todo isto sen esquecer que permite introducir na aula a idea do paso do tempo e o respecto aos maiores.
Recursos de interese.
Filme:
Unidade didáctica:
Etiquetas. Historias do fogar, vida cotiá, vellez, receitas, cociña, estereotipos e xénero.
Autoría. Rosalía (Mar Barros Couto, Sara Garrido Fernández, Sara González Guede, Haizea Lemos Alonso).
No hay comentarios:
Publicar un comentario