lunes, 19 de marzo de 2018

Sopa Verde


Madeira, Ángela. Sopa Verde, ilust. Till Charlier, trad. Paco Liván, Pontevedra: OQO editora, 2013, [36 pp.] (ISBN: 978-84-9871-473-9).


Breve descrición do formato e contido. Desde as imaxes exteriores deste álbum cadrado de tapas duras, o lectorado xa pode intuír cal é a temática da historia que recollen as súas páxinas. Na cuberta obsérvase un coello ao redor dunhas árbores e facendo malabarismos con diferentes comidas, mentres que na contracuberta se ve unha pota tamén ao redor dunhas árbores. Nas gardas está a comida de cor verde que tanto que lle gustaba ao coello e na portada recupérase o coello e a pota co puré.

Trátase dunha historia que se pode seguir tanto a través dun texto acumulativo, no que se destacan algunhas frases en negra, como a través do transcorrer das diferentes ilustracións interiores, nas que sobresae a figura do protagonista central, un coello verde, ao que só lle gustan os alimentos desa cor. A este coello os seus amigos animais ofrécenlle diferentes comidas (chocolate, tomate, sardiñas...), pero el rexeita todo porque non é verde. Ante esta teima, o moucho decide elaborar unha sopa con estes alimentos e aqueloutros que lle gustan ao coello (coles, espinacas, chícharos...). Despois de probar aquela sopa na que flotaban “cousas verdes”, aclama que é a mellor comida que probara, pero o que el non sabe é que estaba feita por todos os alimentos que non lle gustaban. De aí que os seus amigos acaben por rirse del, mentres o coello cae atrapado polo sono.

Potencialidades educativas. Con este relato pódense traballar os hábitos alimenticios coa nenez. Así poden aprender que non se han de repudiar os alimentos pola súa aparencia e que hai que estar abertos a probar todo aquilo que sexa saudable para o organismo.

Recursos de interese.
Unidade didáctica ao redor de Sopa verde:
https://jaumecentelles.files.wordpress.com/2014/05/ud_sopa-verde_esp.pdf


Autoras. Pulgariñas (Ana Salgado Pazos, Cecilia Solla Vázquez, Alicia Vidal Peneireiro e Tatiana Viéitez Losada).




No hay comentarios:

Publicar un comentario