Altés, Marta (2012), Mi abuelo, Madrid: Macmillan Iberia, S.A., (+ de 3 anos), [ 26 pp.], (ISBN: 978-84-15-42-697-4).
Breve descrición e contido da obra: É un álbum ilustrado de cubertas de cartón duro e formato cadrado. A cuberta ilustra dous osiños collidos das mans, que son o avó e o neto. Na parte superior recolle o título do conto e na parte inferior, o nome da autora. As gardas iniciais e finais conteñen un bosque en cores vermello, marrón e negro sobre fondo branco. Na contracuberta inclúense debuxos de paxariños, unha síntese do argumento e unha pequena biografía da autora As súas páxinas reproducen unha historia da vida cotiá, na que un osiño mira como pasa a vida a través do seu avó que se vai facendo maior. Nela tamén se pode observar como un fai feliz ao otro. As ilustracións tamén se asentan en cores como o vermello, o marrón, o negro e o branco, cores que nos serven para internarnos nunha paisaxe outonal e melancólica en sintonía co relato. En cada páxina podemos encontrar un pequeno texto sinxelo xunto cunha imaxe que lle dá sentido e transmite os sentimentos dos protagonistas.
Potencialidades da obra para educación infantil: A través deste conto podemos ensinarlles aos nenos e nenas como é o paso do tempo, o amor polos seres queridos e sobre todo o ciclo da vida. Así mesmo permite traballar en Educación Infantil situacións da vida cotiá, como a reflectida na historia, que versa sobre a perda da memoria que afecta a moitos avós e avoas. Sen dúbida, estamos ante unha interesante proposta literaria e icónica para abordar as emocións desde as idades máis temperás.
Autoras: SQRUPS (Ángela López Ferradás, Miriam Rodríguez Martínez, Valeria Vázquez Martiñán, Laura Veiga Darriba).
No hay comentarios:
Publicar un comentario