Breve descrición do formato e contido. Este álbum ilustrado, gañador do premio para libros infantís Mother Goose, preséntase en formato rectangular, con encadernación en cartoné. Na cuberta están os personaxes principais enriba do nabo xigante e na contracuberta, as demais hortalizas que sementou a parella de anciáns. As páxinas desta obra abrazan a historia de dous anciáns que teñen unha horta moi descoidada e moitos animais. Un bo día deciden sementar na súa horta chícharos, cenorias, patacas, xudías e nabos. Despois dun tempo, o ancián foi ver como maduraran as hortalizas. Cal foi a súa sorpresa ao ver que un dos nabos que sementara era un nabo xigante. Os anciáns intentaron sacar o nabo empurrando pero non o conseguiron. A eles uníronse todos os seus animais, pero tampouco deron sacado aquel nabo xigante. De súpeto, a anciá decatouse de que lle podía pedir axuda a un rato, e todos xuntos conseguiron sacar o nabo. Nesta obra o texto aparece cun gran tamaño e, dependendo da páxina, as palabras aparecen colocadas de diferente maneira, o que fai que o conto sexa máis atractivo. Nalgúns fragmentos do texto aparecen letras cun tamaño maior con respecto ao resto, facendo fincapé nelas. Cabe destacar a utilización de onomatopeas, como por exemplo no momento no que todos xuntos conseguen sacar o nabo. Mesmamente, poderíamos dicir que o campo semántico do conto é claramente a natureza. A estrutura amósase dun xeito clásico, cunha introdución, un nó e un desenlace, e cun narrador en terceira persoa que ofrece un texto acumulativo, onde os nenos poderán participar activamente ao adiviñar que vai pasar. As ilustracións están colocadas a dobre páxina, nas que o texto se inclúe nun recuncho indefinido. Teñen trazos suaves, ben definidos e cores cálidas co predominio das amarelas, laranxas, marróns e verdes. Apréciase unha textura propia dos lapis de cores, ofrecendo imaxes simples e tenras. Na maioría das páxinas aprovéitase algún anaco branco da ilustración para incorporar o texto (nubes, camiños,...), o que fai que o libro teña máis xogo.
Potencialidades educativas. Con este conto podemos traballar a cooperación e
ensinarlles aos nenos e nenas que para conseguir calquera cousa, que non se
poida facer só, é bo pedir axuda. Tamén vemos que á hora de axudar ata o máis
pequeno pode contribuír e, grazas á súa axuda, poden cambiar moito as cousas.
Isto apréciase no conto cando á anciá se lle ocorre ir en busca do rato para
que lles axude a empurrar polo nabo xigante. Polo tanto, é unha boa ferramenta
para amosar os froitos do traballo cooperativo.
Autoría. Noelia Ucha González
No hay comentarios:
Publicar un comentario