martes, 8 de mayo de 2018

Sígueme (unha historia de amor que non ten nada de raro)


Campanari, José & Olmos, Roger, Sígueme (unha historia de amor que non ten nada de raro), ilustr. Roger Olmos, Pontevedra: OQO, 2007, [48pp.], (ISBN: 978-84-9871-495-1).



Breve descrición do formato e contido. Trátase dun álbum ilustrado de tapas duras traducido ao castelán por Marisa Núñez no ano 2007. Alterna o texto coas ilustracións en cada páxina. As imaxes que se amosan están cheas de colorido e describen perfectamente a historia para que a nenez poida comprendela de maneira sinxela. Conta unha historia fermosa e chea de orixinalidade, na que un elefante moi presumido e insistente trata de namorar unha formiga con cintura de avispa. Ao longo do conto descríbense diferentes situacións polas que pasan os protagonistas rematando nun idilio un tanto peculiar. As cores que predominan son o verde, que representa a esperanza do elefante por conseguir o amor da formiga; e o rosa que mostra a tenrura dos protagonistas durante o desenvolvemento dos sucesos. En xeral predominan as cores rechamante para conseguir unha interacción máis potente. Na cuberta aparece a palabra SÍGUEME que lle dá título ao libro en maiúsculas, a cal aparece repetidas veces ao longo da historia. Seguidamente como subtítulo aparece a frase entre paréntese quitándolle importancia á rareza do namoramento dun elefante e unha formiga.
Potencialidades educativas. A principal mensaxe deste conto é a inexistencia de barreiras no amor. Cada quen pode estar con quen queira sen importar credo, raza ou condición. Outra das ensinanzas desta historia é “se se cre, pódese”, é dicir, a perseveranza do elefante para namorar a formiga deu os seus froitos ao final do conto. Tamén é reseñable como o autor nos ensina que non se debe xulgar a ninguén pola súa aparencia, exemplificado neste conto polo elefante, dado que máis alá das súas características físicas robustas amosa unha gran dozura: a beleza está no interior do noso corazón. Outras das potencialidades educativas que encontramos son a complicidade, o interese, a motivación e a confianza nun mesmo e nos demais.

Recursos de interese.
Conto dixital:

Etiquetas. Amor, perseveranza, ilusión, igualdade, destreza, motivación, dozura.

Autoría. Xoubiñas ( Nuria Mª Serodio Pérez, Sara Vázquez Montes e Cristina Vidal García).


No hay comentarios:

Publicar un comentario