lunes, 30 de abril de 2018

Avós

Heras, Chema, Avós, ilust. Rosa Osuna, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. “Demademora”, 2002, [36 pp.], (ISBN: 978-84-8464-533-7).

Breve descrición do formato e contido. Este álbum ilustrado de tapa dura foi galardoado co Premio Llibreter en 2003. Na esquina inferior dereita da cuberta aparece unha señora maior e un señor maior bailando xuntos. Debaixo deles está o nome da editorial, Kalandraka, e enriba, o da ilustradora e o do autor, xunto ao debuxo dun gato. Na parte superior da cuberta, escrito en letra de maior tamaño có resto, podemos ver o título do álbum, Avós. Na esquina superior dereita aparece unha especie de insignia con forma de sol de cor amarelo co nome do galardón xa nomeado anteriormente e, debaixo desta, dúas estrelas debuxadas. Todo isto está sobre un fondo dividido en cadros desiguais, nos que predominan as cores cálidas coma o amarelo e o vermello, pero tamén cores frías como o azul e o gris. Na contracuberta volve haber unha serie de cadrados de tamaños variados. No cadrado da esquina superior dereita vemos un debuxo da lúa rodeada de estrelas, e no cadrado da esquina inferior dereita temos o sol, xunto o cal aparecen dous paxaros, e baixo deles, unha árbore. Nas gardas volvemos ter nunha páxina unha lúa cunhas estrelas e na outra un sol con nubes. O texto é sinxelo, con frases breves. Este aparece distribuído de maneira irregular, xa que non aparece sempre na mesma páxina nin na mesma posición. É moi repetitivo e acumulativo, xa que as frases se van repetindo e encadeando. O texto amósase en forma de dialogo. As ilustracións acompañan ao texto durante toda a obra, posibilitando unha lectura máis sinxela e visual. Nas gardas volvemos ter nunha páxina unha lúa cunhas estrelas e na outra un sol con nubes. O texto é sinxelo, con frases breves. Este aparece distribuído de maneira irregular, xa que non aparece sempre na mesma páxina nin na mesma posición. É moi repetitivo e acumulativo, xa que as frases se van repetindo e encadeando. O texto amósase en forma de dialogo. As ilustracións acompañan ao texto durante toda a obra, posibilitando unha lectura máis sinxela e visual. Ao longo da historia amósanse diferentes animais e demais elementos cotiáns non citados no texto. A riqueza de ilustracións fai posible unha lectura visual e permite afondar máis en aspectos da historia que non se relatan no texto. Este álbum narra a historia dun señor que quere ir bailar á festa coa súa muller. Ela négase unha e outra vez, debido aos seus prexuízos sobre a súa idade. Mentres o seu marido intenta convencela, ela vai enumerando todos os síntomas de vellez que ten no seu corpo. Á súa vez, o marido, con moito agarimo, intenta facerlle ver que segue tan bonita coma sempre apesares dos anos que ten.

Potencialidades educativas. A partir da lectura desta obra pódese traballar o tema da familia, facendo fincapé na figura dos avós. Ademais o álbum permítenos tratar o tema do amor na vellez, o fermoso de ter alguén ao teu lado que che queira e che diga sempre o fermosa/o que segues sendo a pesares do paso do tempo. Tamén este conto pode servirnos para trata o tema da autoestima e a presión das mulleres pola que deben estar sempre belas e mozas.

Recursos de interese:
Obra de teatro do conto de Avós:

Autoría. Amorosiñas (T. Alfaya, R. Castro e P. Collazo).

A caricia da bolboreta

Voltz, Christian, A caricia da bolboreta, ilust. Christian Voltz, trad. Emma Lázare. Pontevedra: Kalandraka, col. “Demademora”, 2008, [32 pp.], (ISBN: 978-84-8464-657-0).

Breve descrición do formato e contido. Este libro é un álbum ilustrado de tapa dura que chama moito a atención polas súas ilustracións, xa que son moi sinxelas e non estamos acostumados a velas porque están feitas de materiais como madeira, fío, metal… para dar unha sensación de relevo. Os propios nenos/as poderían crear os personaxes do libro na súa casa. A cuberta ten o fondo de cor rosa moi claro, dando sensación de tenrura e dozura. Aparece no centro o avó do conto, feito dos materiais ditos anteriormente: úsase unha pataca para o nariz, un anaco de madeira para o corpo, unha vara de metal en forma circular para a cabeza, uns botóns para os ollos, fío para o pelo e ademais ten na man un garfo que equivale a un angazo para poder traballar na terra. Tamén aparecen os datos mais importantes do libro (título, autor e editorial). As gardas están formadas por un fondo de terra marrón, que está moi relacionado co relato da historia, xa que un dos temas principais é a morte, e tanto o neto como o avó especulan onde pode estar a súa avoa falecida. En canto ao texto, este é moi breve e a letra ten diferentes tamaños para destacar o máis importante de cada frase. O libro cóntanos a historia dun avó e un neno que van ao campo a traballar e recordan a súa avoa que faleceu e din que, aínda que non estea fisicamente con eles, estea onde estea sempre os vai axudar e apoiar en todo.

Potencialidade educativas. Con este libro pódese tratar o tema do amor e o cariño cara aos seres queridos (neste caso, cara aos avós), así como o tema dos traballos de campo que realizan o avó mais o seu neto (como regar as sementes, as patacas, plantar unha cerdeira…). Outro dos temas principais e co que se pode traballar nunha aula é o tema da morte dun ser querido, un tema do que se acostuma a fuxir, pero que é necesario tratar se queremos educar emocionalmente o alumnado de infantil.

Autoría. Amorosiñas (T. Alfaya, R. Castro e P. Collazo).

Cocorico


Nuñez, María, Cocorico, ilust. Helga Bansch, Pontevedra: OQO editora, 2006, [36 pp.], (ISBN: 84-96573-23-0).
Breve descrición do formato e contido. Álbum ilustrado de tapas duras que acolle a versión dun conto tradicional birmano. Na cuberta xógase coa presentación completa ou só parcial dos seus protagonistas, o que nos permite facer inferencias sobre a súa identidade que, como acabamos sabendo, corresponde a Cocorico, o protagonista da historia, o gato pelado e a súa nai. Nas gardas aparece todo o proceso dende que é un ovo ata que sae o pitiño Cocorico e, antes de comezar a historia, reaparece facendo malabarismos, cunha pelota, cuns cascos... En canto ao texto, o comezo da historia recóllese na parte esquerda do álbum, mentres que seguidamente se sitúa tamén na parte dereita. Hai momentos na historia nos que aparece o texto en negra, como querendo chamar a atención da información achegada, alterando tamén nalgúns intres o tamaño. Ademais en todo o álbum predomina a cor gris, aínda que na cuberta e na contracuberta aparece a cor roxa, xa que podemos intuír que algo podería pasar con ese rabo no que Cocorico se está fixando. O álbum conta a historia de Cocorico, un pitiño que lle pediu a súa nai que lle fixese un biscoito. Súa nai dille que necesitan ir buscar leña, entón Cocorico decídese ir buscala, aínda que súa nai advírteo de que teña coidado con Gato Pelado. Cocorico estaba recollendo leña cando de súpeto apareceu Gato Pelado que o quería comer. Para que isto non sucedese chegaron un acordo: Cocorico faría un biscoito e daríalle un anaco a Gato Pelado. Fixeron o biscoito e, sen darse conta, comérono enteiro. Apareceu Gato Pelado pola porta a buscar o seu anaco de biscoito. Do medo, Cocorico e a súa nai metéronse nunha ola de barro. O gato Pelado escoitou o pitiño e acercouse, cando de súpeto o pitiño espirrou tan forte que a ola saltou en mil anacos. Gato Pelado pensou que a casa se caía e escapou. Finalmente mamá galiña para celebralo fixo un biscoito, partírono en dúas partes e comérono.   
Potencialidades educativas. A través desta obra podemos traballar a importancía que supón compartir as cousas, como facer un biscoito, os perigos dos que temos que ter conta e coidado...
Recursos didácticos.
-          Blogs:

-          Conta contos:
Etiquetas. Álbum ilustrado, alimentación, saúde, compartir.
Autoría. Pulgariñas (Tatiana Vieitez Losada, Alicia Vidal Peneireiro, Cecilia Solla Vázquez e Ana Salgado Pazos).

A árbore xenerosa

Silverstein, Shel, A árbore xenerosa, trad. Chema Heras, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. “MareMar”, 2015, [64pp]. (ISBN: 978-84-8464-962-5).

Breve descrición do formato e do contido. Esta obra foi publicada por primeira vez no ano 1964, co seu nome orixinal The giving tree, aínda que a nosa ficha técnica está baseada na edición de Kalandraka. Este álbum narrativo de tapa dura, conta a historia da amizade entre unha maceira e un neno. Nela podemos observar como durante a infancia do rapaz, pasan moito tempo xuntos e se divirten. A medida que pasan os anos, o neno xa non é tan neno, as súas prioridades cambian e deixa de ver a árbore. Neste tempo, a árbore está moito soa e, cando ve ao neno despois dun longo período, fai o posible para facelo feliz. Esta axúdao de maneira desinteresada, a diferenza do neno, que ía vela para recibir algo a cambio. O neno no final da súa vida, dáse conta de que as cousas  materiais non van estar nos últimos momentos da vida, pero si van a estar os amigos. A cuberta da obra é moi colorida e chama a atención, xa que ten uns tons verdes de cor intensa. Nela aparece unha árbore dándolle una mazá a un neno, ademais de estar o título, o autor e a editorial. A continuación, todas as páxinas que van aparecer van a ter os debuxos totalmente en branco. As ilustracións que aparecen na obra son moi sinxelas con formas simples, pois os seus debuxos están feitos unicamente con tinta negra e en toda historia só aparece a árbore e o neno. Nas imaxes pódese apreciar o paso do tempo tanto na árbore como no neno así como a súa relación. A letra é escasa, xa que na maioría do libro só hai unha pequena frase en cada páxina, acompañada dunha imaxe.

Potencialidades educativas. A principal potencialidade desta obra radica nas posibilidades que ofrece para abordar diferentes aspectos relacionados coa amizade. Así mesmo, permítenos achegarnos á relación do ser humano coa natureza, xa que debemos ensinar todo o que nos ofrece e coidala, ademais de insistir en que ter moitos elementos materias non nos fai ser máis felices e non van estar aí para sempre. Pola contra, cos bos amigos podemos contar sempre. Finalmente, posibilita tratar as etapas da vida (infancia, adolescencia, idade adulta e vellez) e o paso do tempo, tanto nas árbores como nas persoas.


Recursos de interese:
Conto:

Había unha vez unha árbore...en Pontevedra:


Autoría:  Amorosiñas (T. Alfaya, R. Castro e P. Collazo).

A mellor sopa do mundo

Isern, Susana, A mellor sopa do mundo, ilustr. Mar Ferrero, trad. Paco Liván.Pontevedra: OQO Editora, col. “O”, 2015, [36 pp], (ISBN: 978-84-9871-526-2).


Breve descrición do formato e do contido. En este álbum narrativo de tapa dura, un narrador en terceira persoa conta unha fermosa historia de amizade. A protagonista é a tartaruga, que se encontra preparando una sopa deliciosa nunha fría noite de inverno. Pouco a pouco, algúns dos animais do bosque, comezan a chegar a súa casa, por suposto, cun ingrediente novo que engadirlle a sopa: Coello, cenorias; Cervo, froitos vermellos; Raposo, cebolas; Oso, mel; Lobo, pementos; Ourizo, allos porros e Rato, cogomelos. Todos xuntos cociñan, bailan e preparan a mesa e, ao chegar a cena, descobren que a sopa era a mellor que probaran nunca. Con esta obra podemos descubrir como facer a mellor sopa do mundo, o único que necesitamos son amigos, xa que con boa compañía todo sabe mellor, ese é o verdadeiro  ingrediente secreto. Na cuberta aparecen xuntos todos os animais dispostos en círculo, contemplando a sopa desde arriba ademais de recollérense o nome da autora, ilustradora e editorial. Nas gardas aparecen árbores espidas e neve, o que xa nos avanza que a obra se desenvolve en inverno e vai moito frío. Na portada, na folla esquerda hai unha dedicatoria -“Para Yves, Yuna, Adriel e Marc; por facer de calquera sopa, a mellor do mundo”- e na da dereita, aparece unha pequena árbore que fai a función de colgadoiro. Nela están todos os abrigos e debaixo, en fila, todos os zapatos dos animais. As ilustracións son alegres, cariñosas e dan tenrura ao lector ao longo de toda historia. O discurso é sinxelo e con pouca letra, as frases ou palabras máis relevantes de cada páxina están resaltadas en cor negra máis escura e ademais, cando chega cada animal á casa da tartaruga, repítese sempre a mesma secuencia.  

Potencialidades educativas. Con esta obra podemos traballar aspectos moi variados. En primeiro lugar, o máis importante é a amizade e o cariño que hai entre todos os animais da obra, podemos ver como se divirten xuntos e como colaboran a hora de preparar todo para a gran cea. En segundo lugar, tamén se poden traballar os animais que habitan nos bosques así como as súas características, alimentación… E, finalmente, podemos aproximarnos aos ingredientes utilizados polos animais para crear esa deliciosa sopa.



Recursos de interese:


Canción A mellor sopa do mundo:

Teatro:

Autoría: Amorosiñas (T. Alfaya, R. Castro e P. Collazo).

El camino de Olaj


                                              

León Barreto, Martín, El camino de Olaj, ilustr. Martín León Barreto, Pontevedra: Editorial Kalandraka, 2011, [48 pp.], (ISBN 978-84-84647-68-3).



Breve descrición do formato e contido. Estamos ante un álbum ilustrado do autor Martín León Barreto, de orixe uruguaia, editado no ano 2011. O autor é especialista no deseño de coleccións e portadas de libros infantís e xuvenís. Recibiu o IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado no ano 2011 e o The White Ravens (Alemaña) no 2012. Este último premio está organizado pola Internationale Jugendbibliothek (International Youth Library), que elabora un catálogo de máis de 200 títulos infantís e xuvenís destacados pola súa temática, innovación artística, deseño, estilo literario etc. O presente conto componse de 48 páxinas e está recomendado para nenos/as de 3 anos adiante. Mostra unha cuberta e contracuberta con encadernación de cartoné. As ilustracións sobresaen pola súa ampla gama de cores vivas (azul, verde, amarelo, violeta…), así como polo emprego de formas xeométricas. Esta proposta icónica de evocación surrealista recolle a historia de Olaj, un principiño que, farto da soidade, emprende unha viaxe polo seu pequeno planeta. Diversos animais fantásticos de marcado valor simbólico iranlle facendo compañía e conformando un grupo moi diverso: un peixe de cola ao revés, un cabalo alado,un tigre arco da vella, un elefante elegante… Trátase dunha historia iniciática en busca de compañía e amizade que se asenta en estruturas acumulativas que se reiteran e conforman un camiño circular. A todos os animais que atopa Olaj pregúntalles se o acompañan, ata que, ao final, se atopan cun vagalume en plena noite. A este, pola contra, pregúntanlle se os guiaba a todos. Así os que comezaron sendo uns descoñecidos e compañeiros de viaxe terminaron por ser bos amigos.

Potencialidades educativas. É un libro que destaca por utilizar un esquema baseado en contos tradicionais por medio de rimas, xogo de contrarios, diálogo reiterativo, oralidade … pero adaptados aos nosos tempos. Olaj fainos partícipes dunha aventura a través do día e da noite, sobre a amizade e a xenerosidade. Son valores que sempre están presentes e que nunca está de máis traballar nas aulas. Trátase, xa que logo, dunha proposta que non nos deixará indiferente tanto polo seu contido como pola súa estética e orixinalidade das súas imaxes.

Recursos de interese.

O conto relatado:

Etiquetas. Cooperación, solidariedade, amizade, soidade, fantasía, diversidade, xenerosidade, abandono, viaxes, emocións, aventura.

Autoría. Xoubiñas (Sara Vázquez Montes, Cristina Vidal García e Nuria María Serodio Pérez).

Iriña bailarina

Justo, Cristina e Rodríguez, Paloma, Iriña Bailarina, ilust. Špela Trobec, Ferrol: Edicións Embora, col. “A igualdade conta”, 2013, [24 pp.], (ISBN: 978-84-92644-52-0).

Breve descrición do formato e contido. Iriña bailarina é un álbum ilustrado de tapa dura en formato 22x22 cm. Na cuberta destaca o título non só polo seu tamaño, senón tamén pola tipografía xeométrica seleccionada, posto que o “i” recorda a silueta dunha bailarina. O título do libro é o protagonista desta cuberta e está acompañado por unha bailarina cuxo corpo é un esbozo, namentres que a saia e mais unha caixa de música están realizadas coa técnica da colaxe nunha alusión ao xogo das bonecas de papel recortables para o caso da bailarina. As cores seleccionadas para estes elementos son interesantes, posto que o tutú está elaborado con follas de xornais e a caixa de música, con estampados de flores e cores cálidas, símbolos do propiamente feminino no imaxinario colectivo. Establécese, polo tanto, un interesante paradoxo entre a boneca e a caixa. No que respecta ao fondo desta cuberta, este é mocromático de cor azul, tradicional do propiamente masculino, polo que as antíteses entre elementos son unha constante. Os restantes elementos paratextuais da cuberta están presentes no inferior do álbum e pódese ver como a tipografía muda, xa que agora os nomes de ilustradora e autora están escritos de xeito que recordan a letra caligráfica infantil. Na contracuberta o elemento máis relevante é a sinopse do relato recreado. Ao abrir o libro, o lector atópase coas gardas, que se caracterizan por mostrar varias mazás en liña. Este patrón só se rompe de vez en cando con algúns pasteis. É interesante comentar que estes elementos terán a súa importancia na historia, polo que neste intre hai un elemento que avanza ao lectorado algo do que está a piques de acontecer, pero sen que este se decate. Ademais estes elementos están completamente descontextualizados: a priori non teñen nada que ver cos elementos da cuberta, o que actúa como chamada á lectura. Na portada podemos observar os mesmos elementos que na cuberta, pero esta repetición desaparece no momento no que nos decatamos de que a bailarina agora semella estar fuxindo, o que entendemos como un avance da historia e tamén unha invitación a pasar á seguinte páxina e iniciar así o conto. Xa no interior, é interesante o xogo tipográfico que se dá: a pesares de tratarse dunha letra sumamente limpa, gaña en dinamismo grazas aos diversos tamaños e cores que se empregan. Deste xeito, aquelas verbas ou oracións máis relevantes son grandes e vermellas, chegando a estar subliñadas. Outrosí nas páxinas nas que se fai referencia directa á bailarina, a disposición do texto recorda a silueta ou movemento destas e as cores que se empregan son cálidas, destacando especialmente o rosa, metáfora do feminino. Esta situación vai mudando a medida que o conto avanza, de xeito que canto máis se afonde na historia, máis diversidade de cores poderemos ver, establecéndose unha repetición entre imaxe e narración. O texto, enfiado a través dun narrador heterodiexético, relata a historia de Iriña, unha bailarina que vive na caixa de música máis bonita do mundo… Pero alí pasa o día dando voltas e mais voltas e só pode comer mazás, non vaia ser que a saia lle deixe de servir! A nosa protagonista pasa a meirande parte do día pensando en xogar a outras cousas, polo que buscará como conseguir que o seu desexo se faga realidade. Cómpre destacar que ilustración e texto chegan a conformar un binomio indisoluble e, nalgunha ocasión, faise preciso que o lector teña que recorrer ao texto presente na imaxe para poder completar a narración.

Potencialidades educativas. A través desta obra preténdese romper cos estereotipos de xénero que asignan uns determinados roles as nenas e outros os nenos. É dicir, procura a disolución das fronteiras entre o propiamente masculino e o feminino, deixándolles ás crianzas a posibilidade de elixir aquilo que máis lles gusta. Ademais a obra permite traballar as profesións ou a resolución de problemas de xeito creativo e os valores propios dunha cidadanía democrática como é a toma de decisións de xeito consensual.

Recursos de interese.
Canción da adaptación teatral da obra:

Etiquetas. Estereotipos, xénero, roles, bailarina, futbolista e igualdade.


Autoría. Rosalía (Mar Barros Couto, Sara Garrido Fernández, Sara González Guede e Haizea Lemos Alonso).

Unha feliz catástrofe

Turin, Adela, Unha feliz catástrofe, ilust. Nella Bosnia, trad. G. Tolentino, Pontevedra: Kalandraka, 2014, [40 pp.], (ISBN:978-84-8464-888-8).

Breve descrición do formato e contido. Álbum ilustrado de tapa dura cunhas medidas de 21,5x27 cm. Na cuberta destaca a ilustración de catro ratos navegando sobre unha mesa coas patas para riba, como se dunha barca se tratase. Nesta imaxe xa se poden detectar cuestións de xénero de interese -as mulleres son as líderes da situación-, e, no que respecta ás cores das vestimentas, estas non se corresponden cos estereotipos tradicionais, debido a que podemos ver o que semella un rato cun peto cor rosa. A contracuberta, na que continúa a imaxe presentada previamente, si atende aos estereotipos de xénero, entre os que destaca a muller coidadora. Ademais as cores cálidas visten as personaxes femininas, namentres que as frías fan o propio cos masculinos. Nesta contracuberta tamén se presenta a sinopse da historia. O máis interesante desta proposta é que a ilustración lle avanza ao lectorado o acontecemento que mudará o desenvolvemento da historia. Do mesmo xeito as gardas, de fondo marrón degradado, retratan oito ratos en fila vestidos con roupa de cores; semella que están a facer unha presentación oficial dos que serán os protagonistas. As páxinas interiores artéllanse con ilustracións grandes, a dobre páxina, detalladas e moi descritivas, de cores vivas e rechamantes, sobre todo nas da roupa dos personaxes ou de elementos secundarios. É interesante destacar que nunha primeira ollada os personaxes son asexuados (polo menos, fisicamente); o único que establece o sexo é a vestimenta e as actividades que desenvolven ou posturas nas que aparecen, que responden aos estereotipos de xénero. Na historia nárrase o día a día dunha familia na que a organización é puramente patriarcal: a muller coida dos nenos (espazo privado) e o home traballa fóra da casa (espazo público). Un día sucede unha catástrofe que vai facer que este estilo de vida mude por completo. O texto, escrito cunha tipografía limpa e sinxela de ler, caracterízase por ser sumamente descritivo, grazas ao cal nos decatamos perfectamente dos estereotipos propios dun sistema patriarcal e como estes se reproducen na nosa vida cotiá. No que respecta ao narrador, que é heterodiexético, este non forma parte dos feitos e, polo tanto, relátaos en terceira persoa gramatical.

Potencialidades educativas. Este conto reflexiona sobre a desigualdade no reparto das tarefas domésticas e a revisión dos estereotipos de xénero, polo que se pode usar como ferramenta para concienciar o alumnado da importancia da igualdade, o respecto e a colaboración. Ademais permite traballar a resolución de conflitos de xeito creativo e a adaptación dos comportamentos ás novas situacións.

Recursos de interese.
Proposta de tarefa:

Vídeo sobre o conto (castelán):

Etiquetas. Xénero, tarefas do fogar, roles, estereotipos, patriarcado, animais, igualdade.


Autoría. Rosalía (Mar Barros Couto, Sara Garrido Fernández, Sara González Guede e Haizea Lemos Alonso).

Hadabruja

Minne, Brigitte, Hadabruja, ilust. Carll Cneut. trad. Carles Andreu, Anna Bellostac e Albert Vitó, Cádiz: Bárbara Fiore, 2006, [32 pp.], (ISBN: 84-933980-9-8).

Breve descrición do formato e contido. Hadabruja é un álbum ilustrado de tapa branda no que na súa cuberta destaca o debuxo de dúas mulleres. Unha delas é máis grande cá outra, pero ambas van vestidas con cores cálidas -vermello e rosa, en referencia ao feminino- e un sombreiro tan alto que semella non ter fin. A pesares deste vínculo inicial entre elas, a súa posición de costas a unha da outra fainos pensar que están enfadadas, o que nos levaría a establecer unha metáfora dos seus sentimentos. No lado dereito da imaxe aparece o título do libro en letras grandes, dunha cor azul máis potente para que destaque sobre o fondo e, o máis interesante: a palabra comeza con maiúscula e continúa con minúsculas e todo isto cunha tipografía en cursiva, de aires caligráficos. Na parte contraria aparecen os restantes elementos paratextuais como son os nomes da autora e mais do ilustrador. A contracuberta supón unha ruptura coa cuberta, posto que a técnica pictórica muda (agora semella estar ilustrado con ceras) e as imaxes protagonistas son as dun castelo, tamén nunha nube, e xunto con estes elementos aparece a sinopse da historia. Ao abrir o libro o lector atópase directamente coa portada, na que podemos observar un recorte duns dos debuxos que descubriremos máis adiante, o que consideramos unha interesante motivación á lectura. Esta páxina esta completada polo título do libro, que reflicte as mesmas características comentadas na cuberta. No interior as páxinas dedicadas ao texto teñen un fondo de cor sólida e variable posto que ás veces é verde, outras negra ou vermella. A cor das letras responde á dicotomía negro/branco e o obxectivo non é outro que a súa óptima lectura. As imaxes, caixa de resonancia do texto, están ilustradas con técnicas diversas con acrílico, pasteis, ceras… Resulta interesante o uso da cor, xa que por unha banda as fadas visten de vermello e rosa, o que xa aparecía na portada para facer referencia ao feminino, pero tamén de verde, unha cor fría e que entra en antítese coas restantes. Pola contra, nos debuxos das bruxas aprécianse especialmente cores frías e escuras como o negro, símbolo da maldade. En canto ao discurso textual, nesta obra relátase a través dun narrador heterodiexético a historia dunha fada, Rosamaría, que quere ser bruxa para así poder… facer cousas de bruxa como patinar ou ir en barca. Rosamaría decide ir ao bosque para aprender delas todo o que non lle estaba permitido facer vivindo nas nubes. A pregunta agora é: que fará a nai de Rosamaría? 

Potencialidades educativas. A través deste libro pódese traballar o respecto ao desexo de ser diferente dos demais, a tolerancia e a independencia, a idea de que as persoas non teñen que seguir uns patróns. Permite traballar a diversidade inherente á humanidade. Ademais a obra dá a entender ás crianzas que as persoas non teñen que seguir os estereotipos, os patróns prefixados, e isto resulta sumamente interesante para a cuestión de xénero.

Etiquetas. Estereotipos, xénero, fadas, bruxas, diversidade, aceptación.


Autoría. Rosalía (Mar Barros Couto, Sara Garrido Fernández, Sara González Guede e Haizea Lemos Alonso).

Los miedos del capitán Cacurcias

Andrés, José Carlos, Los miedos del capitán Cacurcias, ilust. Sonja Wimmer, Madrid: NubeOcho, col. “Somos 8”, 2015, [40 pp.], (ISBN: 978-84-943691-2-4).


Breve descrición do formato e contido. Álbum ilustrado de tapas duras que acolle unha historia na que os medos toman posesión do capitán Carcurcias. Un narrador en terceira persoa preséntanos a este capitán, un pirata que, de repente, se converte nun home con moitos medos. Os seus tripulantes buscan solucións para sacarlle os medos. Malia que, nun inicio, teñen unha idea que non parece moi boa, ao final parece que dá resultado para afastar os seus temores. Desde esta focalización de carácter subversivo, ofrécese, xa que logo, unha visión ben distinta do universo da piratería, que se acostumou caracterizar pola presenza de homes malvados e terribles. Pero... Os piratas tamén teñen medo! Esta historia de aprendizaxe recolle na cuberta o protagonista da nosa historia, que na súa cara xa reflicte ese medo que o fai diferente. A imaxe da cuberta ten continuidade na da contracuberta co fondo do mar. Nas cubertas atopamos ollos azuis que semellan as burbullas que podemos atopar no mar. Utiliza cores frías e medoñentas nas páxinas nas que o medo toma posesión do capitán. A ilustradora xoga co poder utilizando a técnica do contrapicado, na que o plano está visto dende o chan cara a arriba. Os tons rechamantes que se atopan axudan a contar a historia, xa que as cores van cambiando segundo a situación na que se atopa o capitán. A grande imaxinación das nenas e nenos fai que nalgunhas ocasións teñan medo de algo que non existe. A colocación do texto axuda a seguir a historia tamén por medio da ilustración. O propio nome do capitán resulta ser un nome curioso para á infancia, xa que evoca á escatoloxía e apártase dos nomes feroces que adoitan ter estes personaxes tan deshumanizados nos contos infantís máis tradicionais.

Potencialidades educativas. Esta proposta narrativa permítenos abordar, dun xeito ameno e lúdico, o tema do medo en xeral, a partir das experiencias do capitán Cacurcias. Así mesmo, é unha obra que se presta para ser representada por medio de monicreques ou dramatizada mediante un contacontos. Sen dúbida, é unha delicia literaria-visual para romper cos estereotipos marcados e mostrar como todos podemos albergar fortalezas, pero tamén debilidades que debemos saber superar.

Recursos de interese.
Conto:

Contacontos:

Dramatización do conto desde unha perspectiva cómica:

Autoría. Contistas (A. Martínez (P), A. Ramiro, N. Reyes, B. Sierra).

domingo, 29 de abril de 2018

La cebra Camila





Núñez, Marisa, La cebra Camila, ilust. Óscar Villán, S.L. Kalandraka Editora, col. Libros para soñar, Pontevedra, 2002, [32 pp.] (ISBN: 9788495123602).


Breve descrición do formato e contido. Este conto está no formato 22x22 cm e coas tapas duras, o que o convirte nun conto moi manexable. Na portada o que chama a atención é Camila nun plano xeral, vestida cos seus pantalóns e tirantes de ir a pasear. O longo das páxinas interiores, as cales son de cor marrón, os debuxos destacan xa que están repletos de cores e movemento. As ilustracións ocupan as dúas follas que van unidas polo lombo e sobre elas destacan os textos escritos en cor negro.

O longo da obra un narrador en terceira persoa cóntanos a historia de Camila. Como un día sen facer caso a súa nai sae a pasear sen os seus pantalóns e os seus tirantes e o vento lévalle voando as raias da cebra. Despois de iso Camila comeza un camiño no cal derrama sete bágoas e encontrase con sete animais que lle axudarán a animarse e recuperar as raias.

Potencialidades educativas.  A cebra Camila é un conto cheo de valores que son moi importantes traballalos na educación infantil, como é a solidariedade e xenerosidade nos animaliños que axudan a Camila a recuperar as súas raias sen esperar nada a cambio, so buscando que ela deixe de derramar bágoas. E o valor da aceptación a través da nai de Camila a cal nun principio non aceptaba que a súa filla quixera cambiar, pero que cando volve a casa e ve todo o que creceu durante o camiño acepta os cambios de Camila.

A maiores se poden traballar outros temas, a practica dos números, o ir contando as bágoas que derrama Camila e os animais con os que se encontra. Tamén traballar a memoria o ir recordando que animal lle da cada raia , …

E por último as ilustracións e a mensaxe que nos transmite o conto axuda a facer actividades que potencian a creatividade dos nenos e nenas.

 Recurso de interese.
Blogs que falan sobre o cuento:

Tableiro de Pinterest con modelos de actividades:

Conta contos:

Etiquetas. Álbum ilustrado, discapacidade, Marisa Núñez, La cebra Camila e Supermaestras.

Autoría. Supermaestras (Carolina Lloret González, Marta Pérez Solla, Alejandra Rodríguez Cavallé, Malena Sánchez Gándara e Laura Vázquez Ramil)