lunes, 7 de mayo de 2018

Pedro y la luna


Brière-Haquet, Alice, Pedro y la luna, ilust. Celia Chauffrey, Madrid: Editorial Jaguar, 2010, [36 pp.] (ISBN: 9788496423916).

Breve descrición do formato e contido. En canto ao aspecto externo, é un libro de tapa dura e de dimensións 23,5x30,5 cm. Na cuberta pódese observar a Pedro, protagonista da historia, e á lúa que quere alcanzar. En canto ao interior, debemos resaltar que é unha proposta literaria de texto breve e vocabulario sinxelo, na que o maior peso téñeno as ilustracións vistosas que se asentan na mestura de cores cálidas e frías e que ocupan a totalidade das follas. Está escrito en minúscula e en cor negra e sen variacións de tipo ao longo de toda a historia. A trama desta historia céntrase nun neno que quere regalarlle á súa nai un pedazo de lúa, pero non pode alcanzala, polo que pide axuda de familiares, veciños e amigos sen éxito. Pedro segue buscando alternativas para conseguila e, sen darse conta, dá a volta ao mundo ata que chega de novo ao punto de partida, onde o esperan todos para volver axudalo. Esta vez conségueo, xa que durante ese tempo Pedro medrou o suficiente como para chegar ata a lúa.

Potencialidades educativas. Un dos valores principais que se pode traballar neste libro é a cooperación e a colaboración dos amigos e da familia para conseguir o que nos propoñemos. Podería ser un libro idóneo para traballar o Día da familia, xa que o protagonista quere regalarlle á súa nai un pedazo de lúa pola súa celebración. Este relato dános a oportunidade de falar co noso alumnado dos diferentes tipos de familia que hai hoxe en día e, xunto con eles e con elas, podemos decidir facer un día da familia en vez de “día do pai” ou “día da nai”, posto que non todos nin todas temos o mesmo tipo de familias.

Recursos de interese.
Contacontos dixitais:
Blog que fala sobre o conto:

Etiquetas. Lúa, solidariedade, amigos, familia, cooperación.

Autoría. Alexandra Rodríguez González


No hay comentarios:

Publicar un comentario