viernes, 20 de abril de 2018

Somos amigos?


Fernández Rey, Anabel, ¿Somos amigos?, Pontevedra: Kalandraka, Abril 2016, , [ 32 pp.], (ISBN 978-84-8464-997-7).






Breve descrición do formato e do contido.
Esta obra, dirixida a nenos e nenas a partir dos 2-3 anos, conta a historia de dous amigos moi diferentes, un neno e un oso polar. Nela poden observarse dúas partes: na primeira é o oso quen axuda ao rapaz en todo o que este lle pide e, na segunda, é o neno o que fai polo seu amigo todo o que este necesita. O valor que máis transmite esta obra é o importante que é facer por aqueles aos que queres as cousas que precisan, aínda que requira certo esforzo ou sexa algo que non nos encante facer, como, por exemplo, compartir a nosa comida. E tamén, a ensinanza de facerlles aos demais o que che gustaría que fixesen por ti. Na portada observamos os dous protagonistas e podemos apreciar perfectamente o tipo de debuxos que ten este álbum ilustrado. Son imaxes cheas de cor aínda que ditas cores son suaves ao igual que os trazos, pero o máis destacable son o doces e tenras que son os personaxes. Esta obra non segue a liña de presentación, nó e desenlace, xa que a historia vaise desenvolvendo a través de preguntas como “Teño que asearme, lávasme?”, onde podemos observar a cantidade de cousas que estes amigos fan o un polo outro no día a día. Debido a isto, a obra segue un ritmo repetitivo no que cada pregunta expresa as necesidades que ten cada un e tamén como as solucionan reciprocamente. O texto e as ilustracións compleméntanse ao longo da sucesión dos feitos que se recollen, mais existen follas onde só se observan imaxes, porque son tan expresivas que non fai falta acompañalas de texto. Cabe destacar que este conto infantil recibiu a Mención no VIII Premio Internacional de Compostela de Álbum Ilustrado.

Potencialidades educativas. Esta obra permítenos traballar no ámbito da Educación Infantil con valores tan significativos como a xenerosidade, a amizade e a cooperación, presentes ao longo de toda a historia. Tamén trata o tema da diversidade, debido a que os protagonistas son moi diferentes, principalmente, porque un é un neno e outro un oso polar, mais tamén porque teñen diversas necesidades. O que máis nos intenta transmitir é que nunha relación de amizade non se pode ser egoísta e todos deben estar atentos ás necesidades do resto e compartir as cousas, aínda que isto implique facer un pequeno esforzo, xa que poden ser as cousas que máis se aprecien. Tendo en conta isto, outro dos aspectos que se pode potenciar a través desta obra é o tema dos sentimentos, posto que é moi importante expresar o que sentimos e que o resto nos comprenda e axude a sentirnos ben. Por último, outra das potencialidades que se pode extraer e, polo tanto, traballar con este conto, é a das situacións cotiás, posto que todas as accións realizadas polos protagonistas están presentes no día a día.


Recursos de interese.
Unha nai e a súa filla len e comentan o libro:


Autoría. Cabaciñas (Tania García Pereira, Noelia Gontad Saavedra, Janira Gil Lago, Emma Juncal Paredes e Laura Domínguez Álvarez)

No hay comentarios:

Publicar un comentario