Breve descrición do formato e contido. Este álbum ilustrado, de tamaño 20x20 cm, preséntanos na cuberta os dous personaxes da historia, o señor Pato e o señor Coello sobre un fondo vermello. Ademais inclúe o título con grandes letras e deseños interiores diferentes, e as referencias á autora, editora e premio que mereceu, O Premio Internacinal Compostela para Álbum Ilustrado 2008. O señor Pato e o señor Coello crúzanse sempre que saen da casa, para ir a traballar, no parque, cando van e cando veñen..., pero nunca se saúdan. Isto é unha mágoa, porque poderían ser grandes amigos. Esta é unha historia con final aberto, na que primeiro se presentan os dous protagonistas e, posteriormente, o que adoitan facer día a día. Nas páxinas predominan as ilustracións e o texto verbal aparece grafiado con letras grandes e maiúsculas, o que é moi axeitado para comezar na lectura. As imaxes son un reflexo do que o señor Pato e o señor Coello fan día a día. Sobresaen os xogos coas cores para expresar diferentes emocións, polo que a alegría se representa con cores cálidas e os personaxes felices, mentres que a tristura se recolle con cores escuras e personaxes tristes. Nas últimas páxinas emprégase un fondo escuro sobre o que están os personaxes e só aparece a súa cara, dando máis dramatismo á situación para logo transmitir a desilusión que é que non sexan amigos.
Potencialidades educativas. Esta obra permítenos traballar a cordialidade, saudar cando entramos nun sitio e despedirnos cando saímos. Tamén a soidade, podendo debater se é complicado facer amigos ou non, porque señor Pato e señor Coello non son amigos... A partir de aí poderíase traballar a amizade e a importancia desta. Como se recolle o día a día dos personaxes, tamén se poderían traballar as rutinas e os hábitos. Os protagonistas pasan por distintas zonas, como a veciñanza, o parque, a rúa..., o que nos permite tamén aproximarnos aos distintos lugares dunha cidade.
Recursos de interese.
Contacontos:
Conto animado:
Autoría. Cabaciñas (Laura Domínguez Álvarez, Tania García Pereira, Janira Gil Lago, Noelia Gontad Saavedra e Emma Juncal Paredes).
No hay comentarios:
Publicar un comentario