Breve descrición do formato e do contido. O protagonista desta historia é un fermoso coelliño branco que vive nunha gran mazá vermella. Un día de choiva, mentres pasea, atópase cun oviño abandonado da súa mesma cor. O coello recolle da rúa o seu novo amigo e lévao á súa casa. Hai un novo membro no seu fogar, con quen comparte todo aquilo que fai, dende colgar a roupa ata vestirse do mesmo xeito ou pasear. Un día o oviño ten que marchar e separarse do coelliño que con tanto agarimo o acolleu no seu fogar, a quen todo lle recorda ao seu amigo o ovo, que tanto bota de menos. Co tempo, o oviño regresa para ver de novo o coelliño branco, quen case non o recoñece. O oviño xa non é un ovo e a súa cor tamén mudou, agora é un fermoso paxariño de cor amarela. A historia do coelliño branco e o seu amigo está narrada a través de frases sinxelas e de vocabulario de doada compresión para todos os lectores. A narración está acompañada por debuxos que animan a introducirse na historia con maior profundidade, á vez que enriquece de matices todo o exposto no texto verbal. As imaxes deste álbum ilustrado están compostas por figuras moi coidadas e redondeadas que espertan a sensibilidade dun lector, ao que tenta atrapar tamén pola coidada paleta de cores empregada. Toda unha serie de cores que xoga coas gamas claras e incluso con dinámicas de contraste que son aínda máis impactantes por estaren sobre fondos brancos. Os personaxes e os distintos obxectos que nos atopamos nas ilustracións non están delimitados por un trazo negro, senón que as cores de cada figura son quen de delimitalas. Outrosí sobresaen os efectos provocados pola recorrencia aos difuminados e ás sombras.
Potencialidades educativas. Seguindo este álbum ilustrado dunha das creadoras máis premidadas do Xapón, podemos tratar dous temas principais. Por unha parte, temos o valor da amizade, representada na historia nos dous personaxes principais, o coelliño branco e o ovo, que establecen unha fermosa amizade na que comparten todo. Por outro lado, a historia trata os cambios e as transformacións que experimentamos ao longo do tempo, así, o que comezou por ser un pequeno ovo, rematou por transformarse nun paxariño de cor amarela. É esta, en fin, unha proposta literaria e ilustrativa que lles permite aos máis pequenos abordar e comprender os cambios, as mudanzas e as diferentes etapas de crecemento que poden darse na súa vida e no medio máis próximo.
Autoría. Cabaciñas (Laura Domínguez Álvarez, Tania García Pereira, Janira Gil Lago, Noelia Gontad Saavedra e Emma Juncal Paredes).
No hay comentarios:
Publicar un comentario