Soldado, Magda, Es ti o meu amigo?, ilustr. Jacobo Muñiz, A Coruña: Baía Edicións, 2007, col. “Xiz de Cor”, n.º 13, [30 pp.], (ISBN:978-84-96526-96-9).
Breve descrición de formato e contido. As páxinas deste álbum ilustrado recollen a historia do coello Dentón, ao que un día se lle inundou a súa casa e non sabía onde podería resgardarse do frío e das terribles bestas ata que conseguira arranxala. Dentón cría que a solución sería fácil, xa que pensaba que calquera dos seus amigos lle daría cobixo. Pero a súa sorpresa foi cando lles ía pedir que o acollesen e todos lle puñan excusas. Dentón xa se vía como cea para as bestas, cando o pequeno ratiño lle dixo que se quería podía quedar na súa casa. A casa de Pedriño o rato era moi pequena, pero con esforzo e paciencia conseguiron que Dentón entrase nela. Ese día Dentón aprendeu que non se pode chamar amigo a calquera. Esta historia aséntase nunha estrutura tradicional tripartita (presentación, nó e desenlace) e está contada por un narrador heterodiexético omnisciente, que nos presenta os personaxes e nos conta a súa historia, por medio dun breve texto de frases sinxelas cunha letra minúscula redondeada dun tamaño mediano. Cando falan os animais os seus diálogos están marcados con aspas e tamén aparecen algunhas onomatopeias en tamaño grande e cunha letra máis grosa. As ilustracións de carácter figurativo e realizadas a base de pintura inundan as páxinas e os contornos dos debuxos son redondeados e de liñas finas, así como os trazos dos diferentes animais están debuxados moi suavemente con liñas delicadas. Nos animais predominan as cores claras (brancos, marróns…) e van vestidos con roupas de cores cálidas; pola contra, comprobamos que na escena onde aparecen as bestas todo se escurece e predominan as cores frías, escuras e con maior sombreado para recrear unha atmosfera de terror. Ademais das formas e cores, sobresae o emprego dos primeiros planos para recoller as expresións dos protagonistas, mentres que se amplifican cando se quere dar unha ollada xeral do espazo das accións.
Potencialidades educativas. Con este conto centrarémonos principalmente no tema da amizade e da diferenza que hai entre amigos e coñecidos. Tamén poderemos tratar os temas de compartir, o compañeirismo e a empatía, alén de vermos os diferentes tipos de animais que aparecen neste conto, a súa fisionomía, onde viven, a súa alimentación etc. Trátase, xa que logo, dunha atractiva proposta para advertir o noso alumnado das falsidades que poden darse na vida por medio do emprego dunha metáfora protagonizada por animais, cuxo protagonismo facilita a comprensión da mensaxe por parte da nenez.
Autoría. Cabaciñas (Tania García Pereira, Noelia Gontad Saavedra, Janira Gil Lago, Emma Juncal Paredes e Laura Domínguez Álvarez).
No hay comentarios:
Publicar un comentario