jueves, 26 de abril de 2018

Sacapenas

Browne, Anthony, Sacapenas, ilust. Anthony Browne, trad. Chema Heras e Pilar Martínez, Pontevedra: Kalandraka, col. “Tras os montes”, 2016, [28 pp.], (ISBN: 978-84-8464-585-6).

Breve descrición do formato e contido. Anthony Browne (Inglaterra, 1946) preséntanos esta fabulosa obra protagonizada por Bieito, un neno que ten moitos medos ou, como se coñecen no conto, preocupacións. Así tenlle temor a durmir só, aos sombreiros, aos zapatos, ás nubes, á chuvia ou aos paxaros xigantes. Papá e mamá intentan tranquilizalo, dicíndolle que os seus medos son froito da súa imaxinación e que eles o protexerán. Unha noite que dorme na casa da súa avoa, o rapaz non é quen de atrapalo sono, polo que llo vai contar e ela regálalle os Sacapenas. Explícalle que, cando ela era pequena, tamén tiña preocupacións e llelas contaba aos bonecos, que as gardarían durante toda a noite. A Bieito non lle parecía que houbese un trato xusto, pois eles terían que gardar as preocupacións. De aí que lles acabe por facer uns Sacapenas en miniatura. Os textos son breves e neles sobresae o emprego do termo “preocupación” para referirse aos medos en diferentes contextos: cando nos conta os medos do neno (“tiña moitas preocupacións”), cando o pai e a nai intentan axudalo (“non te preocupes, meu rei”) ou cando a avoa lle dá os bonecos Sacapenas (“eu a túa idade tamén tiña moitas preocupacións”). Amplíase o tamaño das palabras que lle producen medo e sublíñanse en negra para favorecer a lectura. En canto á palabra Sacapenas, o autor dálle a connotación de nome (con maiúscula), pois todos eles e elas teñen nome propio (Lois, Carme, Iria, Mariña, Iago e Brais). Na última páxina do conto aparece un cadro coa orixe dos Sacapenas (lugar, como se fabrican, como os utilizan). Nas primeiras páxinas, Browne acompaña o discurso textual con excelentes ilustracións enmarcadas. Estas ilustracións son escuras e tétricas, aínda que, na parte exterior dos recadros, se utilizan cores como o verde, laranxa ou amarelo. No resto das páxinas, excelentes tonalidades claras a toda cor intensifícanse coa aparición da figura dos Sacapenas, achegando serenidade á lectura. O contorno e os rostros dos personaxes (incluídos os Sacapenas) están ben definidos e reflicten o estado de ánimo. Tamén se intercalan ilustracións que ocupan ambas as dúas páxinas. Browne foi galardoado co Hans Christian Andersen no ano 2000 por toda a súa andaina como ilustrador e este conto forma parte do Plan Nacional de Lectura (PNL Portugal).

Potencialidades educativas. A primeira lectura da obra somérxenos no mundo das preocupacións ou medos na infancia: a durmir sós ou soas, aos sombreiros, aos zapatos, ás nubes, á chuvia ou aos paxaros xigantes. Podemos coñecer eses termos para comprobar que non nos van facer ningún dano. Unha das actividades máis fermosas que nos ofrece o conto é a de elaborar os nosos Sacapenas para contárllelas nosas preocupacións antes de durmir e así acadar o sono pracenteiro. A avoa como figura cariñosa e afectuosa nos momentos precisos é outra das cuestións que podemos abordar. Así como tamén a de coñecer máis a fondo a cultura guatemalteca.

Autoría. Contistas (A. Martínez (P), A. Ramiro, N. Reyes, B. Sierra).

No hay comentarios:

Publicar un comentario