Burfoot, Ella, A miña amiga a escuridade, ilust. do autor. A Coruña: Baía Edicións, 2008, [36 pp.], (ISBN: 978-84-9689-353-5).
Breve descrición do formato e contido. Este álbum ilustrado de tamaño mediano preséntase con tapa dura e forma cadrada. Os textos son breves e o tamaño da letra é grande para favorecer a lectura en idades temperás. As ilustracións acompañan o discurso textual en todas as páxinas e distribúense dun xeito moi novidoso ao ocuparen recadros de tamaños diversos e ao seren as figuras focalizadas desde múltiples planos e movementos. A escuridade aparece retratada dunha forma divertida e con trazos definidos que lle achegan dinamismo e hilaridade á lectura. Nestas imaxes predomina a cor rosa, malia que a escuridade de cor negra está presente progresivamente en cada unha das páxinas, cubrindo ambas as dúas páxinas nalgunhas ocasións. Na cuberta podemos ver a María co seu peluche dándolle a man á escuridade. O fondo é de cor negra e a escuridade ten outro tacto e unha cor máis escura que o fondo. Nas súas páxinas interiores nárrase a historia de María, unha nena que xoga no seu cuarto cando empeza a entrar a escuridade propia da noite pola súa fiestra. A pequena, en vez de ter medo, xoga e baila toda a noite con ela acompañada do seu coello en todo momento. Así fanse moi boas amigas. María só ten que prender á luz para que a escuridade saiba que é hora de dicir boas noites.
Potencialidades educativas. O álbum mostra a escuridade como a amiga de María, polo que é un conto recomendado para evitar o medo a ese temor tan presente na etapa infantil. A súa lectura antes de durmir favorece que os nenos e nenas collan o sono profundo ao son do baile de María e a súa amiga, a escuridade. É un conto ideal de mesiña de noite.
Etiquetas. Noite, escuridade, medos, fantasía.
Autoría. Contistas (A. Martínez (P), A. Ramiro, N. Reyes, B. Sierra).
No hay comentarios:
Publicar un comentario