jueves, 26 de abril de 2018

Onde viven os monstros

Sendak, Maurice, Onde viven os monstros, ilust. Maurice Sendak, Poio: Kalandraka Editora, col. “Tras os montes”, quinta edición, 2016, [48 pp.], (ISBN: 978-84-8464-859-8).


Breve descrición do formato e contido. Onde viven os monstros” é un álbum ilustrado con autoría e ilustración de Maurice Sendak, nado en Brooklyn no ano 1928. Publícase por vez primeira no ano 1963, sendo condecorado coa Medalla Caldercott en 1964. Tamén gañou o Boston Globe-Horn Book Award e foi un libro notable da ALA (American Library Association, Asociación de Bibliotecas Americanas). Forma parte da colección “Tras os montes”,da editorial Kalandraka (quinta edición, 2016. Premio Nacional á mellor labor editorial cultural no ano 2012) e a súa tradución ao galego é de Xosé Manuel González Barreiro (2000). Nárranos a historia de Max, un cativo algo rebelde ao que súa nai manda sen cear para cama por facer trasnadas. Max emprende unha viaxe simbólica dende o seu cuarto ata un lugar fantástico, atravesando nun bote un espazo mítico a través dos días, meses e anos e enfrontándose aos seus medos. Alí chegará a converterse no Rei dos monstros ata que Max manda a todos para a cama sen cear e decide marchar. 

O relato protagonizado por Max, preséntase nun volume de tamaño 25,5 x 23 cm en rústica cosido a fío. Os textos son breves, non exceden as catro liñas. En canto ás ilustracións, Sendak xoga con diferentes tipos de planos. Ao fío do texto, nas primeiras páxinas pares inclúe unha ilustración que se fai cada vez máis grande co paso das páxinas ate que os debuxos van aparecendo gradualmente en ambas páxinas (par e impar) ata ocupar ámbalas dúas páxinas completas (sen texto). Ditas páxinas ilustradas dan paso ao mesmo efecto pero ao contrario. A última páxina par está en branco (deixa voar a nosa imaxinación). As ilustracións están debuxadas só con liñas. Grazas a esta técnica as ilustracións fan desaparecer progresivamente a habitación de Max mediante trazos da ventá e da porta menos definidos e con maior espazo entre liñas ata dar paso á selva. Cores claros e escuros combinados de forma armoniosa e segundo o tono sombrío ou de distensión do texto. Nas páxinas iluminadas sabemos que é de día e a Lúa indícanos que é de noite. O noso protagonista leva un disfrace de lobo (animal asociado nos contos de tradición popular ao personaxe “malo”).

Potencialidades educativas da obra. A temática do conto ofrécenos a posibilidade de abordar os nosos medos, así como tamén os campos semánticos antitéticos “día/noite”, como a fantasía e invítanos a ser aventureiros. Así mesmo, permite traballar aspectos como a resolución de conflitos, aceptar a diversidade de opinións, sentido da responsabilidade ou respectar as decisións individuais. Esta obra está considerada o álbum ilustrado perfecto.

Autoría. Contistas (A. Martínez (P), A. Ramiro, N. Reyes, B. Sierra).

No hay comentarios:

Publicar un comentario