martes, 24 de abril de 2018

EDU, el pequeño lobo

Solotareff, Grégoire, EDU, el pequeño lobo, Barcelona: Editorial Corimbo, 2010, [32 pp.], (ISBN: 978-84-8470-160-6).

Breve descrición do formato e contido. Este álbum ilustrado nun formato de 310x220 cm preséntanos a Edu, un pequeno lobo que queda só pola perda do seu tío un día que saíron de caza. Non obstante atopouse cun novo amigo, un coello chamado Tom, que o axuda a enterrar o tío e lle ensina cousas descoñecidas. Un día esta amizade viuse truncada cando Edu asustou a Tom. Conseguirán os amigos unirse de novo? A voz dun narrador en terceira persoa e as intervencións dos diferentes personaxes danlle corpo a esta historia que se caracteriza pola sinxeleza das súas estruturas sintácticas e escollas léxicas. As ilustracións figurativas xogan coas cores primarias, as cales serven para chamar a atención dos máis cativos e cativas, ademais de estaren remarcadas por un trazo negro e groso que acentúa os seus contornos e tiraren proveito dos efectos das sombras.


Potencialidades educativas. Este álbum sérvenos para traballar co lectorado máis novo a perda dun familiar e o sentimento de soidade, sendo os amigos un salvavidas e un grande apoio nesta situación, xa que nos prestan a súa axuda nos momentos máis difíciles. No caso desta historia, o coello axúdalle ao protagonista a enterrar o tío, ponlle o nome de Edu (pois non o tiña), ensínalle a ler e a pescar, etc. A modo de gratificación, Edu tamén lle ensinou cousas a Tom, como correr moi rápido. Trátase, xa que logo, dunha metáfora coa que se quere manifestar a necesidade que uns temos dos outros.


Recursos de interese.
Vídeo-libro:
https://www.youtube.com/watch?v=EXutnF2HLv8


Autoría. Grupo Baleiras (Irina Svetlana Bello González, Alessandra Bispo Portas, Judit Cerviño Malvido e Xiomara Laranxeiro Casás).

No hay comentarios:

Publicar un comentario