lunes, 16 de abril de 2018

Para onde vamos quando desaparecemos?


Minhós Martins, Isabel, Para onde vamos quando desaparecemos?, ilust. Madalena Matoso, Portugal: Planeta tangerina, 2011, [20 pp.], (ISBN: 9789898145352).







Breve descrición do formato e contido. Trátase dun álbum ilustrado de tapas duras e encadernado en cartoné. As súas medidas son 19,5 x 22cm. A cuberta e a contracuberta teñen o fondo azul, e en ambas se debuxa unhas especies de montañas vermellas e unhas nubes brancas, con formas moi xeométricas. O título ocupa a maior parte da cuberta, escrito moi grande e con letras infantís, aínda que chama a atención que corta a palabra “desapare-cemos”. Na portada tamén se encontra o título, pero aquí a palabra “desaparecemos” non está cortada; nesta tamén podemos observar uns paus vermellos que parecen representar árbores e unha longa raia negra que asemella un camiño, que fai de fío condutor por todo o conto. En cada páxina aparece esa raia de diferentes formas, só se corta cando hai mar nas imaxes, pero retómase cando volvemos á terra, ata chegar ao final do libro que se ve como esta vai cara ao horizonte e produce o efecto como se nunca acabase. Igual que na cuberta, na contracuberta e na portada todas as imaxes deste álbum son moi xeométricas, menos cando chegamos a retratos de seres humanos, onde os trazos se volven máis curvos. As cores que predominan son pálidas e frías, aínda que, igual que pasa nos trazos, ao chegar ás ilustración de seres humanos contrástase con cores cálidas. Centrándonos agora no texto, é de sinalar que todo comeza coa formulación dunha pregunta que nunca se responde. A partir desta interrogante, ofrécense diferentes suposicións de a onde se pode ir cando desaparecemos e que varían dependendo do que se vai. Este discurso tan reflexivo fainos lembrar que nada dura para sempre e que as cousas desaparecen do mundo, hoxe están e mañá non ao igual que as persoas. Cada páxina é unha pregunta sen resposta que nos fai pensar.


Potencialidades educativas. Explicarlles a morte a un neno o nena é moi difícil, xa que é algo demasiado abstracto, ninguén sabe a onde imos nin que hai despois… Pero todo nesta vida desaparece, o sol por exemplo, algunhas veces está e outras non, ou as gotas de choiva que caen e logo desaparecen. Con esta proposta literaria e ilustrativa preténdese explicar con preguntas retóricas e dun xeito suxestivo que pasa coas cousas cando desaparecen. A partir destas apelacións o lectorado pode facer as súas suposicións e observar o tema da morte como algo non tan malo.


Recursos educativos.
Video libro: https://www.youtube.com/watch?v=A_DGmcHqrKg


Autoría. Grupo Baleiras. (Irina Svetlana Bello González, Alessandra Bispo Portas, Judit Cerviño Malvido e Xiomara Laranxeiro Casás).

No hay comentarios:

Publicar un comentario