Turin, Adela, Rosa Caramelo, ilust. Nella Bosnia, trad. G. Tolentino, Pontevedra: Kalandraka, 2012, [34 pp] (ISBN: 978-84-8464-798-0)
Breve descrición do formato e contido: Rosa caramelo é un álbum ilustrado de tapa dura traducido do título orixinal en italiano “Rosaconfetto”, por G. Tolentino. Pertence á colección “Dalla parte delle bambine” que comezou a publicar Adela Turin en Italia hai máis de trinta anos e que Esther Tusquets editou en España como “A favor de las niñas”, converténdose nunha referencia para a coeducación e a igualdade.
As ilustracións das tapas externas, o contraste entre a cor gris e a rosada e o propio título evidencian os puntos centrais arredor dos cales vai xirar esta obra. No interior, os debuxos conviven en todas as páxinas xunto co texto, que se sitúa nas áreas máis diáfanas para facilitar a súa lectura. O texto está escrito en forma de fábula e mostra, o igual que sucede en Arturo y Clementina, Una feliz catástrofe, e La historia de los bonobos con gafas, a importancia da igualdade, poñendo en valor o rol feminino e erradicando os estereotipos sexistas e a discriminación.
Adela Turín remite nesta obra a unha manda de elefantes para falar dos criterios cos que se marca as nenas, dos comportamentos que se espera delas e as diferenzas que existen neste sentido respecto aos nenos. Utilizando imaxes estereotipadas, a autora denuncia un comportamento sexista na educación dos máis pequenos, que repercutirá negativamente nas nenas. No país dos elefantes existía unha clara desigualdade, as elefantas vivían illadas no seu pequeno xardín de anémonas e peonias, alimento que lle axudaba a conseguir o seu aspecto físico caracterizado por unha pel lisa e rosada e uns ollos brillantes, mentres que os elefantes xogaban na gran sabana e comían herba verde. Co paso do tempo todas as elefantas cumpren as expectativas dos seus pais e das súas nais excepto Margarita, que sofre os reproches dos seus proxenitores ata que desisten de querer que sexa como as demais. Neste momento ela toma a decisión de saír do valado e xogar a ser unha elefanta libre, mostrándolle ao resto que existe unha forma de vivir sen discriminacións nin barreiras, e rompendo cos roles sexistas marcados dende antes de nacer.
Potencialidades educativas: A través desta obra podemos traballar a igualdade de xénero, erradicando os estereotipos sexistas e a discriminación. Ademais, permítenos desenvolver un pensamento crítico acerca dos roles que ocupamos cada persoa na sociedade, e poñer en valor o rol feminino.
Recursos de interese:
Contacontos: https://www.youtube.com/watch?v=NO3pwZMcV10
Obra de teatro das familias do alumnado de 5 anos do CEIP Cristo de las Misericordias:
Adaptación teatral realizada polo alumnado de 5 anos do CEIP Maximiliano Gil Melián
Autoras: SQRUPS (Ángela López Ferradás, Miriam Rodríguez Martínez, Valeria Vázquez Martiñán, Laura Veiga Darriba).
No hay comentarios:
Publicar un comentario