Gravett, Emily, O gran libro dos medos do RATO PEQUENO, Vigo: Patasdepeixe editora, 2010, [32 pp.] (ISBN 978-84-936842-7-3).
Breve descrición do formato e contido. Álbum ilustrado que tamén podemos considerar libro obxecto, xa que nas súas páxinas aparecen solapas coas que interactuar e o propio conto invita a que uses os seus espazos en branco para plasmar os teus medos. Na portada obsérvase un pequeno buraco que deixa ver o rato protagonista da historia e que está debuxado na garda. Así, móstrasenos o que nos imos atopar no interior: páxinas con diferentes formas que invitan ao xogo e á interacción. Tamén na propia portada é de destacar que no título aparece o nome da autora riscado e substituído por “do RATO PEQUENO”. Isto pódese entender como un xogo no que a autora emprega o rato para dar a coñecer os seus propios medos. Cómpre salientar que nas dúas primeiras gardas aparece o rato pequeno cunha expresión medoñenta, rodeado e ollando para as iconas que representan os medos que se mencionan no conto. Se imos ás dúas gardas finais, nelas o rato atópase durmindo entre follas de caderno, coa faciana feliz e, ao igual que nas iniciais, entre as iconas dos medos. Deste xeito, amósasenos como o rato foi quen de enfrontarse aos medos, superando o temor que lles tiña e aprendendo a convivir con eles. O rato pequeno vai narrando en primeira persoa os diferentes medos que ten, como por exemplo: aos bechos, aos monstros, á soidade etc. Acompañando esta narración do rato, aparece na esquina superior esquerda de cada páxina o nome técnico dos medos co seu correspondente significado debaixo. Estes veñen complementados con imaxes que o propio rato parece debuxar e que se corresponden co medo que se está a tratar. Ao final do álbum, podemos ver como o rato, que tiña medo a case todo, tamén é un tipo de medo (musofobia). Isto represéntase na última páxina, na cal podemos apreciar parte dunhas pernas humanas subidas a un tallo por temor ao rato. En canto ás páxinas estas nunca son similares, é dicir, cada unha ten algo diferente: unhas semellan estar roídas polo rato, outras estar dobradas nunha esquina, un par delas con buracos e tamén as hai con algunha solapa ou incluso mapas que abrir. As súas ilustracións aparentan estar feitas polo rato, que sempre conta cun lapis na man e ocupan a totalidade das páxinas. Os textos que se corresponden coa voz do rato teñen un tamaño fácil de ler, unha tipografía grosa e unha curta extensión en cada páxina. En canto aos textos que dan instrucións e que explican o nome técnico e o seu significado, teñen unha letra máis pequena e parece estar escrita a ordenador.
Potencialidades educativas. Esta obra permítenos traballar e coñecer diversos medos (a ir para cama, a bañarse, a ruídos fortes, a perderse etc), a partires dunha proposta verbal e icónica que incita ao xogo e á interacción. Ademais axúdanos a exteriorizar os nosos medos, invitándonos a compartilos e expresalos nas súas páxinas.
Autoría. Contistas (A. Martínez (P), A. Ramiro, N. Reyes, B. Sierra).
Potencialidades educativas. Esta obra permítenos traballar e coñecer diversos medos (a ir para cama, a bañarse, a ruídos fortes, a perderse etc), a partires dunha proposta verbal e icónica que incita ao xogo e á interacción. Ademais axúdanos a exteriorizar os nosos medos, invitándonos a compartilos e expresalos nas súas páxinas.
Autoría. Contistas (A. Martínez (P), A. Ramiro, N. Reyes, B. Sierra).
No hay comentarios:
Publicar un comentario