sábado, 28 de abril de 2018

Ni guau ni miau



Lacasa, Blanca, Ni guau ni miau, ilust. Gómez, España: NubeOcho, 2017, [40 pp.], (ISBN: 978- 8494541520).


Breve descrición do formato e contido. Trátase dun álbum de formato rectangular e de tapa dura. Na cuberta móstrase a imaxe dunha metade dun can e outra dun gato como se fosen un só animal sobre un fondo de cor azul intensa.
Na contracuberta, recóllese a ilustración dunha pata metade de gato e metade de can, tal e como se amosa na portada. Tamén se inclúen unhas breves liñas describindo o noso protagonista: o canciño Fabio. As páxinas son grosas e nelas pódense observar unhas ilustracións dunha boa calidade, cheas de detalles e cores cálidas. Cabe destacar a precisión nas particularidades, diferenciando moi ben as diversas razas de can.
Nas primeiras páxinas faise un recorrido pola anatomía do animal, explicada de maneira sinxela e divertida cunha tipografía clara e fácil de ler.
Unha voz en terceira persoa desenfía o discurso argumental, que está cheo de onomatopeas en relación os cans e os gatos.








O álbum narra a historia de Fabio, un can que non se comporta como un da súa especie, non ladra, non corre detrás dos paus, non se rasca, non xoga coa pelota... A súa familia, moi preocupada, intenta comunicarse con el a base de ladridos ou procura rascarlle a tripa para ver se lle gusta.
Pero chega o día no que Max, o neno da casa, descobre que todas as noites Fabio sae ás agachadas e reúnese cunha manda de gatos. Con eles, Fabio parece feliz facendo cousas de gatos: lima as uñas, sobe as árbores, xoga con nobelos de la etc. Ao día seguinte, Fabio segue sen facer nada do que fan os cans, atópase deitado e triste. Entón Max decide darlle un prato con leite e chamalo suavemente como se fose un gatiño. Fabio, coa sorpresa, ponse moi contento e empeza a comportarse como o que de verdade se sinte: un gatiño no corpo dun can.


Potencialidades educativas. Trátase dun álbum moi axeitado para traballar a diversidade, a tolerancia e sobre todo a aceptación, tanto individual como de cara aos demais.
O achegamento ás diferentes razas caninas achégalle ao álbum un punto de novidade, ao mesmo tempo que trata o tema das mascotas dende un punto de vista moi especial: o respecto polos animais e o papel tan importante que xogan nas familias como un membro mais nelas.


Recursos de interese.

Contacontos:

https://www.youtube.com/watch?v=w-cSIann7ec


Comentario da obra nun blog de lectura infantil:

http://pekeleke.es/libros/ni-guau-ni-miau-blanca-lacasa-gomez/


Autoría: Elefantas (Sara Alonso, Sheila Álvarez, Valentina Cáceres y Cintia González)

No hay comentarios:

Publicar un comentario