Castro Lima, Manuel e Ameixeiras Sánchez, Mª del Mar, Antón e o Apalpador, ilust. Francisco Ameixeiras Sánchez, Barafunda editorial, 2009 [36 pp.] (ISBN: 978-84-614-3320-9)
Breve descrición do formato e contido. Este é un álbum ilustrado con tapa dura de dimensión 20 x 20 cm que inclúe un pequeno número de follas de dogos. En canto ao discurso visual, podemos dicir que os debuxos son sinxelos, chamativos e soen ocupar as dúas follas. Ademais, Francisco Ameixeiras utiliza as cores azul e amarelo nos debuxos que suceden na noite e o verde e o laranxa nos que suceden de día. Estas ilustracións sempre están acompañadas de frases simples e que non sempre están dispostas de forma horizontal -por exemplo, en forma que semella a unha serpe.- A tipografía empregada neste álbum é de fácil comprensión, está escrita en cores branca -case sempre- e negra e soe estar disposta na parte superior das follas, aínda que tamén pode aparecer na parte inferior. Por último, cabe resaltar que neste álbum xógase co tamaño das letras para darlle intensidade ao discurso -coma Antón, estrelas, perdido, abraiado…-
O protagonista da historia é Antón, un neno que vive na cidade e ao que lle apaixonan as estrelas. Tras recibir unha invitación da súa madriña para pasar o Nadal na súa casa do Courel emprende a súa viaxe en autobús, pero como ao chega non hai ninguén agardándoo, vota a andar. Cando cae a noite dase conta de que está perdido, ainda que pouco despois encontrará a casa. Ao entrar atópase co Apalpador, un home xigante con barba vermella que lle conta unha morea de historias ata que queda durmido. Ao despertar á mañá seguinte está na casa da súa madriña, quen lle di que todo foi un soño, ainda que dase conta de que non o foi cando ve os agasallos que lle deixou: un cabalo de madeira e unhas castañas. A partir dese Nadal, Antón recibe tódolos anos a súa visita.
Potencialidades educativas. Con este libro podemos achegar aos nenos e nenas a importancia de conservar e recuperar as tradición da cultura da nosa contorna -contos, historias e cantigas- como neste caso a figura do Apalpador. Isto creará nos máis pequenos o interese polas tradición, festas e costumes da contorna galega, facilitando así a súa recuperación.
Tamén podemos destacar a utilidade dos xogos incluídos no álbum como obxecto de mellora da comprensión lectora, xa que a través destas actividades lúdicas e sinxelas como pintar ou facer laberintos poderás demostrar a comprensión que fixeron da historia.
Recursos de interese.
- https://www.youtube.com/watch?v=h3w1b3evUN4
Autoría. Festeiras (Icía Domínguez González, Irene González Ibáñez e Laura Juanatey Martínez)
No hay comentarios:
Publicar un comentario