martes, 24 de abril de 2018
Nariz de ouro
Saiz, Raquel, Nariz de ouro, ilust. Juliana Bollini, Pontevedra: OQO, 2010, [40 pp.] (ISBN: 978-84-9871-228-5).
Breve descrición do formato e contido da obra. Álbum ilustrado de formato rectangular (25.5 x 24 cm), con encadernación de cartoné. A cuberta e a contracuberta forman unha unidade, onde o elemento central é o protagonista, Eduardiño, no medio dun fondo azul celeste. O protagonista aparece só de busto e de lado destacando o seu nariz, que é de gran tamaño. Eduardo leva un sombreiriño de papel de periódico. No seu nariz aparece atado un fío que dá lugar á última letra do título do conto -Nariz de ouro-, que se rexistra en letras grandes na parte superior dereita da cuberta. Nas gardas recóllese un pequeno paxariño co mesmo sombreiriño de papel que leva Eduardo na cuberta, sobre un fondo amarelo. No interior do libro as páxinas son grosas e as ilustracións son de gran tamaño, predominando os debuxos do protagonista, quen sempre aparece de lado para destacar o seu nariz.
Os textos son sinxelos, breves e de cor negra situados en case todas as páxinas. Nel aparecen palabras marcadas en negra como son o nome do protagonista, algunhas exclamacións ou frases importantes do conto. Este álbum acolle a historia dun neno cun nariz moi grande. Por este motivo os demais rapaces rinse del. A súa nai cóntalle o conto do patiño feo todas as noites para explicarlle que todos somos un cisne, persoas marabillosas e que, non por ser diferentes fisicamente, non imos poder ser queridos e respectados polos demais. Eduardiño finalmente acéptase tal e como é sen importarlle o que pensen os demais.
Potencialidades educativas. Este álbum é apropiado para o público infantil, xa que é apto para ensinarlle a aceptar os demais independentemente da súa condición física, cor... Sexamos como sexamos, todos somos persoas e por iso temos os mesmos dereitos e deberes e debemos ser ben tratados.
Recursos:
-Actividade feita polo CEIP Rosalía de Castro en Padrón (28.05.15):
http://aulasementeira.blogspot.com.es/2015/05/nariz-de-ouro.html
-Audio do conto Nariz de Ouro nun blog (20.02.12):
http://www.blogoteca.com/raparigos/index.php?cod=109850
-Comentario do libro Nariz de ouro (05.05.10):
http://sonandocuentos.blogspot.com.es/2010/05/nariz-de-oro.html
Autoría: Elefantas (Sara Alonso, Sheila Álvarez, Valentina Cáceres y Cintia González)
Etiquetas:
álbum ilustrado,
Diversidade,
Empatía,
interculturalidade
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario