Breve descrición do formato e contido. É un álbum ilustrado de tapas duras e escrito na súa orixe en inglés, aínda que conta con traducións a outras linguas, como é o galego e o castelán, na que se deu a coñecer como La muerte atrapada en una nuez. Na cuberta encóntrase o debuxo da metade de adiante de catro corvos (moi vinculados coa morte) e a imaxe de Jack, así como un fío vermello que a recorre formando tamén o título. Na contracuberta continúase coa ilustración dos corvos e do fío vermello, que actúa como condutor de todas as páxinas do álbum. A linguaxe é simbólica e directa, rompendo os tabús que existen do tema da morte. A proposta icónica está moi afastadas das doces ilustracións dos contos infantís, polo que as súas formas móstranse a través de liñas rectas e con predominio das cores frías, especialmente, o negro e vermello. Jack é un neno que ten a súa nai enferma. Un día paseando polo pobo atópase coa morte, que lle pregunta por un enderezo. Jack dáse de conta enseguida que é a morte e que vén buscar a súa nai. Desafíaa e mándalle facer unha serie de probas, ata que a atrapa nun frasco. Ao pouco, o pobo comeza a sufrir as consecuencias: os animais e as plantas non morren, polo que comeza a fame; os insectos tampouco desaparecen, polo que se inician as pragas... Jack decátase de que ten que soltala, xa que non pode existir a vida sen a morte.
Potencialidades educativas. Este conto explícanos a morte dunha forma natural, como parte da vida. Mostra como Jack logra burlar a morte e atrapala nun frasco para que non leve a súa nai, aínda que non percibe que vai alterar o ciclo natural dos seres vivos. A morte e a vida reflíctense como a dobre cara dunha moeda, polo que estamos ante unha obra recomendable para ensinarlle, por medio dun texto e ilustracións moi suxestivas, ao alumnado da etapa infantil que a morte é inherente a vida.
Autoría. Grupo Baleiras. (Irina Svetlana Bello González, Alessandra Bispo Portas, Judit Cerviño Malvido e Xiomara Laranxeiro Casás).
No hay comentarios:
Publicar un comentario