lunes, 16 de abril de 2018

A horta de Simón


Alejandro, Rocío, A horta de Simón, ilust. Rocío Alejandro, trad. Manuela Rodríguez, Pontevedra: Kalandraka editora, 2017, [pp. 44], (ISBN: 978-84-8464-348-7).

Breve descrición do formato e o contido. Álbum ilustrado de tapas duras gañador do X Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados. Na cuberta non se ofrece unha imaxe completa do protagonista, o que nos permite facer inferencias sobre a súa identidade que, como acabamos sabendo, lle corresponde a Simón, unha cenoria. Nas gardas xa podemos observar como Simón está traballando na súa horta. O texto ocupa a parte esquerda do álbum, mentres que as ilustracións a parte dereita. Tamén hai momentos ao longo da historia, nos que aparece o texto en negra, como querendo chamar a atención da información achegada nese momento. Ademais en todo o álbum predomina a cor laranxa en sintonía coa cor da cenoria.
A partir dunha estrutura acumulativa, cóntase a historia de Simón, unha cenoria que como todos os anos, ao chegar a primavera, planta as súas cenorias na súa horta. Simón estaba plantando cando comezaron a chegar os seus amigos (a cerda, o rato, a raposa...) e lle propoñen plantar diferentes vexetais como leitugas, berenxenas..., para, finalmente, facer unha deliciosa ensalada. Chegou o momento no que había tantos vexetais plantados que case non había sitio para as cenorias de Simón. Os seus amigos tiñan medo de que Simón se enfadase, pero este apareceu cun cartel que poñía “A horta é de todos”. Nese intre todos os seus amigos agradeceron o seu xesto dicíndolle: “Grazas Simón”, “Que ben”...
Potencialidades educativas. A través desta obra podemos traballar diferentes alimentos saudables para a creación dunha boa alimentación, ademais do proceso da plantación das sementes. Unha das potencialidades máis importante recóllese na relevancia que lle dá ao feito de que todos colaboren motivados por un notable espírito solidario.
Etiquetas. Álbum ilustrado, alimentación, saúde, colaboración, solidariedade.
Autoría. Pulgariñas (Tatiana Vieitez Losada, Alicia Vidal Peneireiro, Cecilia Solla Vázquez e Ana Salgado Pazos).

No hay comentarios:

Publicar un comentario