Folgueira, Ana, En algún lugar de China. Ilustr: Amade, Emilio. Madrid: Editorial Syllabus, col. “Silabario”, 2010, 36 pp. (ISBN: 978-84-938213-0-2)
Breve descrición do formato e contido do conto. Trátase dun álbum ilustrado infantil en castelá, recuperado da Biblioteca Pública de Pontevedra. Nel recóllese a historia que a súa autora contaba ás súas fillas adoptadas, e fala de que existe un lugar na China, o cal é un orfanato, onde viven moitos nenos e nenas correteando e xogando, pero estes están tristes porque non teñen familia. Entón, nas noites que non hai lúa, un paxaro póusase na cama de cada un deles, e toma un fío vermello da manta coa que están tapados, agárrao moi forte e sae voando con el para buscar unha familia para ese neno ou nena. Cando a atopa, failles 3 preguntas para asegurarse de que son unha boa familia, e se contestan ben danlle o extremo do fío para que vaian buscar á súa nova filla ou fillo. Cóntase como uns papás viven isto e adoptan a unha nena chinesa. Ademais, este álbum promóvese para recadar fondos destinados á Asociación de Familias Adoptantes en China (AFAC), a cal xestiona programas nos orfanatos chineses para operar aos nenos e nenas con necesidades médicas especiais e así facilitar a súa adopción.
A historia, de estrutura lineal, presentase a través dun discurso textual sinxelo, xa que se utilizan frases curtas e fáciles de comprender. Trátase dun texto narrativo rimado, que se conta a modo de lenda, o cal lle aporta sonoridade. Nel aparece una voz en terceira persoa dun narrador homodiexético, xa que é a nai quen narra a historia; que nalgún momento puntual se entrecruza coas intervencións das personaxes.
A obra está editada nun formato rectangular (170 x 260 mm). O texto da portada ten letras maiúsculas de diferentes tamaños e cores, e o tipo de letra que se utiliza no interior de imprenta en maiúsculas, dunha mesma tipografía ao longo de todo o conto, aínda que vai alternando letras máis grandes e outras máis pequenas dentro das mesmas frases, superpoñéndose estas aos debuxos.
As ilustracións realizadas por Emilio Amade, o tío das fillas da autora, inspíranse nun mural que el mesmo realizou na habitación das nenas. As ilustracións interiores ocupan normalmente toda a folla, e xogan cos diferentes planos das personaxes. Estas ilustracións ofrecen detalles e aspectos que enriquecen a historia, aportándonos información extra nalgúns casos, que nos axudan a comprender e desenvolver a historia. A pesar de que están realizadas con trazos sinxelos, lle aportan movemento ao que se representa. O ilustrador xoga coas cores segundo transcorre o conto: cores máis frías ao comezo e máis cálidas despois, cando a nena é adoptada.
Potencialidades educativas. Este álbum ilustrado versa sobre o tema da adopción a través dunha historia real, e poderíamos levalo a aula para traballar cos nenos e coas nenas este tema, xa que é moi importante tratalo dende moi pequenos e pequenas, para así favoreces a empatía cara os demais e o respecto. Ademais, a través deste conto tamén poderíamos traballar transversalmente as emocións ao ver como se senten os nenos e nenas mentres están no orfanato, ou cando os adoptan…
Grazas a traballar este tema, tamén poderíamos tratar outros, como a familia e os tipos que existen, xa que na actualidade podémonos atopar diversos tipos de familia, o cal é importante traballar cos máis pequenos e pequenas, xa que estas teñen un papel fundamental no desenvolvemento dos nenos e nenas e son o seu primeiro axente socializador. Por iso é importante traballar isto nas aulas, para que coñezan que non só existe a chamada “familia tradicional”, senón que hai outros moitos modelos.
Grupo conflitos persoais (Nuria Castiñeira Rodríguez, Sandra Dapena Hortas, Sheila Domínguez da Costa, Carmen Eiras Conde, Sara Fernández Luna e Silvia Fraguas Juncal).
No hay comentarios:
Publicar un comentario