Janosch, Correo para el tigre, trad. Eva Almazán, Pontevedra: Editorial Kalandraka, 2011, [52 pp.], (ISBN 978-84-92608-10-2).
Breve descrición do formato e contido. Estamos ante un álbum ilustrado do autor alemán Janosch, editado en galego por Kalandraka no ano 2011. Janosch é o nome artístico de Horst- Ecker, que recibiu importantes premios no ámbito da Literatura Infantil e Xuvenil polo seu labor creativo e está recoñecido como un dos mellores autores-ilustradores do mundo, ademais de dirixirse ao público adulto con propostas cunha marcada compoñente autobiográfica. "Correo para el tigre" diríxese a nenos/as de 3 anos adiante e preséntase nesta edición cunha cuberta e contracuberta con encadernación de cartoné. Consta dunha ampla variedade de cores moi vivas e dunhas tamén rechamantes escenografías planas. Os personaxes aparecen representados como figuras bastante realistas (neste caso, animais humanizados), pero cun toque moi persoal e característico de Janosch nas ilustracións. Nas súas páxinas relátase a historia ambientada nun bosque, no que o personaxe principal, Oso, foi pescar. Tigre pediralle a Oso antes de marchar, que lle escriba porque está ao outro lado do río e séntese moi só e triste cando el marcha. Así Oso levou consigo un bote de tinta, papel e un sobre para escribirlle a Tigre. O problema era que no bosque o correo nunca fora moi fluído. Co enxeño duns e a axuda doutros, este bosque acaba por transformarse no lugar mellor comunicado do mundo. É esta unha historia na que se fala de amizade, soidade, emocións, cooperación, sentimentos... recomendable para que o alumnado máis pequeno valore a importancia de manter vivos os canais de comunicación entre as persoas queridas.
Potencialidades educativas. Por medio dun coidado texto e unha proposta ilustrativa atractiva e cargada de sentimento, Janosch fabula con gran mestría e frescura sobre como os protagonistas desta curiosa e tenra historia inventaron o correo postal, o correo aéreo e o teléfono. Os personaxes expresan as súas emocións con total liberdade, dende a calma e a asertividade. Así móstranlles aos nenos/as a importancia de evidenciar o que se sente e de intentar atopar solucións. Así mesmo, esta fábula de animais moderna fai acenos cara aos contos tradicionais populares.
Recursos de interese.
Videoconto:
https://www.youtube.com/watch?v=8AY6ObthtOs
Etiquetas. Cooperación, amizade, soidade, asertividade, emocións, sentimentos, comunicación, enxeño, inventos, escritura, medios de comunicación.
Autoría: Xoubiñas (Cristina Vidal García, Sara Vázquez Montes e Nuria Mª Serodio Pérez).
No hay comentarios:
Publicar un comentario