martes, 24 de abril de 2018

A viaxe de Mamá


Ruiz Johnson, Mariana, A viaxe de mamá, trad. Manuela Rodríguez, Pontevedra: Kalandraka, col. “Demademora”, 2016, [32 pp.], (ISBN:978-84-8464-992-2).

Breve descrición do formato e contido. Neste álbum de tapa dura nárrase a historia dun elefante que lamenta a marcha da súa nai por unha viaxe laboral. No transcurso do día a día, o cativo fai unha morea de cousas diferentes e divertidas co seu pai, pero malia isto, nota a ausencia da súa nai. Os personaxes son animais humanizados en escenarios da vida cotiá como a casa ou o aeroporto. As ilustracións da obra reflicten os sentimentos que ten o protagonista ante a ausencia da nai como son a inseguridade e a morriña a través de cores frías; estas contrastan cos momentos divertidos que se caracterizan por unhas ilustracións máis cálidas, empregando en todas as páxinas sempre unha paleta de cores verdosas. O texto mestúrase nas imaxes con frases curtas de fácil comprensión.

Potencialidades educativas. Con este relato podemos abordar temas como a responsabilidade da figura do pai no fogar, a igualdade ou a coeducación. Así mesmo serve para traballar con aquel alumnado que ten constantes ausencias dalgún dos proxenitores na casa por motivos laborais. E, finalmente, poderemos centrarnos tamén nos medios de transporte.

Etiquetas. Familia, ausencia, álbum ilustrado.

Autoría. Estibel (Estefanía López Tanoira, Tiffany Pintos Nieto e Belén Sanmartín Malheiro).

No hay comentarios:

Publicar un comentario