Quintiá, Xerardo, Titiritesa, ilust. Maurizio A. C. Quarello, Pontevedra: OQO Editora, 2007, [42 pp.], (ISBN: 978-84-96788-94-7).
Breve descrición do formato e do contido. Álbum literario, de pequeno formato (25 x 23) e cuberta de cor encarnada (vínculo co amor que se erguerá como o eixe central da historia), na que destacan as figuras das dúas princesas protagonistas, unha enfronte da outra, realizadas cun trazo moi persoal. Esta ilustración continúa na contracuberta onde se presentan, tras dúas fiestras redondeadas, os outros dous personaxes principais: o burro Bufaldino e Paposete Dumbocado. No que respecta á portada, a ilustración que a compón contén unha carga simbólica destacada, que avanza ademais un dos conflitos que se desenvolverán na historia. Trátase dun baúl, do que sae unha tira vermella, na que está escrito o título da obra, que coincide co nome da protagonista, unha metáfora da descuberta pública de identidade sexual da protagonista.
Nas ilustracións, de cores cálidas co predominio do vermello e o claroescuro para reproducir volumes, cobran especial relevancia os personaxes. Todos presentan un trazo moi persoal, cheo de forza, con riscos caricaturescos, por veces grotescos, de formas maioritariamente redondeadas e suaves, con toques de humor e acenos ao lectorado sobre a homosexualidade. Altérnanse os planos xerais cos primeiros planos, os picados e os contrapicados, que colocan o público en diferentes perspectivas e lle confiren dinamismo ao álbum. Tamén destaca a utilización dunha estética vintage, con castelos, carrozas, lacaios, torres ou estandartes, todos elementos propios das historias clásicas de fadas e princesas ás que cómpre salvar, pero cun enfoque de xénero alternativo. As ilustracións van a dobre páxina e nelas inclúese o texto, ben na parte superior, ben na inferior.
As páxinas deste albúm abrazan a historia de Titiritesa, unha princesa que vive no reino de Trasantonte, que rexeita as aspiracións da súa nai Mandolina de convertela nunha cortesá refinada, atendendo ao rol tradicional. Ela prefire vivir aventuras, así que decide fuxir do palacio, acompañada do burro Bufaldino, para procurar os seus soños. Xuntos rescatan a princesa Wendolina, filla do rei Godofedo, retida polo mostro Paposete Dumbocado. De volta á casa, as princesas descobren que se namoraron. A historia estrutúrase dun xeito clásico cunha introdución, na que se presenta a protagonista e a súa familia; un nó, no que se produce o conflito; e o desenlace, co casamento das princesas e a súa partida na procura do Soño Azul. Presenta ademais paralelismos coas historias marabillosas e tamén coas de tradición oral, nas que unha princesa debe ser rescatada das fauces dun monstro por un príncipe, neste caso por unha princesa astuta, para finalmente casar e vivir felices. As intervencións do narrador heterodiexético mostran diferenzas con respecto aos diálogos dos personaxes, xa que para estes últimos empregouse a negra, conferíndolles unha maior relevancia. O texto destaca pola atención prestada á selección léxica, así como pola alusión a termos propios da contística clásica con protagonismo da realeza. Nel abundan as metáforas que lle confiren gran beleza a un discurso que tamén salienta pola sonoridade provocada pola recorrencia á rima, ás aliteracións e ás onomatopeas. Todo un abano de recursos evocadores pola súa musicalidade, como tamén o son os nomes propios das personaxes.
Potencialidades educativas. Esta obra permite traballar na aula a cuestión de xénero, a subversión dos roles e a revisión deses estereotipos sempre presentes nos contos tradicionais de príncipes e princesas. Ademais tamén se presenta como un recurso interesante para introducir a cuestión da sexualidade e afondar na construción da identidade e a educación emocional.
Recursos de interese.
Conto:
Etiquetas. Xénero, identidade sexual, estereotipos, princesas.
Autoría. Rosalía (Mar Barros Couto, Sara Garrido Fernández, Sara González Guede, Haizea Lemos Alonso).
No hay comentarios:
Publicar un comentario