miércoles, 18 de abril de 2018

Os enredos de Olalla.


Carballude, Pepe, Os enredos de Olalla, ilust. María Fe Quesada, Pontevedra: Everest Galicia, 1999, [48 pp.] (ISBN: 9788440303912).
Breve descrición do formato e contido. A cuberta deste volume de tapas duras é moi rechamante e está repleta de cor e figuras, entre as que sobrasae a protagonista da historia rodeada de animais e outros seres un tanto peculiares. Este panel tan suxestivo anuncia o que, posteriormente, descubrimos na historia, pois a Olalla encántalle imitar os sons dos animais. No lado dereito da cuberta aparece o título mais o nome do autor. Pola contra, a portada ten menos ilustración e destaca máis o nome da obra que aparece nun fondo branco. O texto do conto aparece cunha letra grande e clara, de cor branca. As ilustracións que contén son moi dinámicas e divertidas, o que vén dado polas liñas redondeadas, expresións e posicións dos propios personaxes. Neste relato nárrase a historia de Olalla, unha nena pequena que un día deixa de comer e como consecuencia diso as partes do seu corpo deixan de funcionar. O seu mellor amigo, Antón Freire, e cunha gaivota emprenden unha viaxe na procura dunha solución que agardan atopar das mans do curandeiro Dentabrú. É este un relato publicado por Pepe Carballude por vez primeira no ano 1990 en Sotelo Blanco e coas ilustracións de Evaristo Pereira, aínda que a mestura de aventura, fantasía e diversión determinan que sexa unha obra do gusto do lectorado actual.
Potencialidades educativas. Con esta obra en educación infantil pódese traballar a importancia que ten para o noso corpo a alimentación, xa que, se queremos estar sans e desexamos que as partes do noso corpo funcionen correctamente, debémolas seguir alimentando cunha dieta rica, san e equilibrada. Como á protagonista da historia lle gustan tanto os animais e os seus sons, tamén pode servirnos esta proposta de Pepe Carballude e María Fe Quesada para practicar cos nenos e nenas a identificación correcta de cada son co cada animal que o emite.
Etiquetas. Alimentación, animais, corpo, saúde.
Autoría. Pulgariñas (Ana Salgado Pazos, Alicia Vidal Peneireiro, Cecilia Solla Vázquez e Tatiana Viéitez Losada).


No hay comentarios:

Publicar un comentario