sábado, 28 de abril de 2018

Corre corre, cabaciña

Mejuto, Eva, Corre corre, cabaciña, ilust. André Letria, Pontevedra: OQO Editora, col. O, 2006 [36 pp.] (ISBN: 978-84-9871-532-3)

Breve descrición do formato e contido. Esta obra é un álbum ilustrado rectangular de tapa dura e dimensións 25 x 23 cm. En canto ao discurso visual, os debuxos son grandes -na meirande parte dos casos ocupan case as dúas follas-, vistosos e están feitos coas cores típicas do outono: o laranxa e o marrón. Son moi expresivos -reflexan dende a felicidade plena e o medo da avoa ata a furia do lobo ou do león- e bastante realistas. Destaca o tamaño e a cor negriña do texto nos momentos que falan os animais –o lobo, león ou oso- e a avoa, intentando que a persoa que o lee modifique o seu ton e lle de profundidade. Por último, os textos son repetitivos e riman entre eles, polo que isto facilitará a súa memorización aos máis pequenos.
Nesta historia a protagonista é a avoa, unha muller maior que recibe a invitación de voda da súa neta. De camiño ao casamento, encóntrase a tres animais que a queren papar: primeiro un lobo, logo un oso e por último o león; e por iso, vese obrigada a convencelos dicíndolle que como vai de convite, á volta estará máis gordiña. Coa súa astucia, será capaz de convencelos e evitar estes obstáculos no seu camiño para chegar a tempo á voda. Á volta da celebración, a avoa meterase nunha cabaza e despistará aos tres animais, chegando sa a súa casa de novo.
Potencialidades educativas. Esta obra porá un toque de humor á situación da avoa, unha muller que deberá sacar o seu enxeño para que os animais non a papen, polo que causará interese nos máis pequenos. Ademais, os trabalinguas, as repeticións e as rimas contribuirán ao desenvolvemento da fala dos máis pequenos, contribuíndo á correcta pronuncia e memorización de pequenos fragmentos. Por último, as emocións tamén teñen unha carga importante ao longo do conto, polo que tamén poden ser obxecto de tratamento.
Dados os elementos que presenta esta obra, pode ser axeitada para tratar na aula de educación infantil con motivo do Samaín.

Recursos de interese. http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipperezviondi/node/482

Autoría. Festeiras (Icía Domínguez González, Irene González Ibáñez e Laura Juanatey Martínez)

No hay comentarios:

Publicar un comentario