sábado, 5 de mayo de 2018

¡Buenas noches, monstruos!


Serrano, Lucía, ¡Buenas noches, monstruos!, Madrid: Grupo Anaya, col. "Primeros Lectores - Mi primera sopa de libros", 2012, [16 pp.], (ISBN: 978-84-678-2903-7)

Breve descrición do formato e contido. Álbum ilustrado de tapas e páxinas acartonadas que recolle a historia de Joaquín, un neno que ten moitos medos. Un narrador en terceira persoa é o encargado de contar como o protagonista quere ir a durmir pero os monstros metidos na súa habitación impídenllo. Na cuberta atópase a ilustración do protagonista cos diferentes monstros da historia da man da escritora e ilustradora do álbum, Lucía Serrano. Na contracuberta atópase unha pequena anotación sobre o álbum e a colección “Primeros Lectores” á que pertence e un pequeno parágrafo sobre o que acontece no interior do álbum. O discurso textual é acompañado polas ilustracións, de cores preferentemente primarias, facendo referencias ao que vai acontecendo ao longo do álbum. Nelas, vanse representando os diferentes monstros que se meten na cama de Joaquín, cada un dunha cor, forma e tamaño distinto, coas facianas medorentas mostrando que incluso os monstros teñen medo. Cabe salientar, que nas páxinas iniciais tamén se poden ver os monstros agochados e incluso cadros con debuxos ou unhas zapatillas coa forma de outros. 

O texto é breve, destinado a nenos e nenas que comezan a ler ou a aqueles pequenos e pequenas que aínda non o fan, polo que as ilustracións toman moita importancia. Ao longo da historia trátase de dar vida a partir da imaxe aos diferentes monstros que se asocian a distintos lugares da habitación que poden dar medo ás crianzas. O texto ten sempre o mesmo tamaño e non se mestura coas ilustracións, polo que aparece na parte superior ou inferior das páxinas sobre fondos que non se mesturan coas imaxes, o que permite velo con claridade. 

Potencialidades educativas. Esta obra permite traballar na aula os diferentes medos que os nenos e as nenas poden sentir no camiño á cama, xa que retrata os diferentes monstros que se poden asociar ao diferentes lugares da casa. A partir desta historia pódense normalizar os medos e dar pé a reflexionar sobre que é posible vencelos. Ademais, o feito de que na contracuberta exista alusión á colección á que pertence da lugar a que os nenos e nenas por curiosidade, se o libro foi do seu agrado, teñan vontade de seguir lendo.

Recursos de interese.

Propostas de actividades por parte da editorial Anaya: 

Autoría. Contistas (A. Martínez (P), A. Ramiro, N. Reyes, B. Sierra).

No hay comentarios:

Publicar un comentario