jueves, 3 de mayo de 2018

Este é o medo

Oli, Este é o medo, ilust. Pepe Carreiro, Vigo: Ir indo edicións, col. “O Parrulo”, 1992, [26 pp], (ISBN 84-7680-092-4).

Breve descrición do formato e contido. Álbum ilustrado de tapas duras, formato case cadrado e follas brandas no que se inclúe a experiencia dun rapaz e unha rapaza co medo. Na cuberta atópase a ilustración de ambos protagonistas metidos na cama, el con cara de medo e ela durmida, coa lúa de fondo tras a ventá. Na contracuberta aparecen os outros 11 títulos da colección "O parrulo". Durante o desenvolvemento da historia as imaxes e o texto non se mesturan na mesma folla, sendo as imaxes moito máis representativas. Estas teñen unha gran variedade de cores e ocupan a folla completa, incluso en ocasións ambas. A tipoloxía da letra utilizada é sinxela, destinada á lectura dos/as nenos/as.

Con respecto ao desenvolvemento da historia, a narración e o diálogo mestúranse e tratan de facer reflexionar sobre que é o medo e a necesidade de rirse do mesmo. O diálogo consiste nun intercambio de preguntas no marco nocturno entre os nenos e o medo, que desemboca na risa dos pequenos e na despedida entre eles e o que os asusta, xa que descobren que ata o medo ten os seus temores.

Potencialidades educativas. Este álbum da pé a unha reflexión sobre os medos, tanto con respecto a que son, como os sentimentos que nos espertan e o feito de que todos e todas as persoas teñen diferentes temores. Ademais posibilita traballar en que os pavores poden vencerse e deixarse atrás. Por outra banda pódese traballar, ademais, o medo á noite e a escuridade, xa que é o fondo que acompaña á obra. Por outra banda na contracuberta aparecen unha serie de títulos da colección que poden resultar atractivos á vista do alumnado.

Autoría. Contistas (A. Martínez (P), A. Ramiro, N. Reyes, B. Sierra).

No hay comentarios:

Publicar un comentario